O BNG de Lalín insta a Xunta e ó Concello a “traballar máis e facer menos fotos” coa emerxencia da vivenda
- ecosdacomarca

- 14 abr
- 3 min de lectura
Mari Fernández critica que “levan un ano anunciando 17 vivendas que non chegan absolutamente para nada”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín considera “unha tomadura de pelo” ás veciñas e veciños o “anuncio sobre o anuncio sobre o anuncio que veu facer esta fin de semana a conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia a Lalín”. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, critica que tanto a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, como o alcalde de Lalín, José Crespo “montaron a carpa e nin se puxeron colorados ao anunciar a licitación de 17 vivendas públicas que xa nos anunciaron tres veces desde hai un ano”.

Coa “emerxencia social” que padecen as veciñas e veciños para acceder á vivenda no noso concello, Fernández Sanmartín instou tanto a Xunta como ao goberno local do PP a “poñerse a traballar e facer menos fotos e anuncios de anuncios que non solucionan os problemas da xente”.
Segundo os datos da propia Consellería de Vivenda da Xunta, en Lalín as vivendas anunciadas -as mesmas 17 desde hai un ano- só cubrirían unha parte moi mínima da demanda actual. O BNG de Lalín lémbralle á conselleira que ten só no Rexistro de
Demandantes de Vivenda protexida, cando a realidade de demanda é moi superior, máis de 80 lalinenses, unha cifra que medra cada día nos últimos meses, co que “mentres nos
venden por capítulos estas 17 vivendas, como non hai nova vivenda o número de inscritos como demandantes seguirá medrando até 2030”. Advirte Fernández Sanmartín que si os inscritos seguen medrando na mesma proporción no 2030 “os lalinenses demandantes de vivenda protexida superarán os 150”.
PUBLICIDADE
Mentres esta “emerxencia de vivenda” se produce en Lalín, a veciñanza “leva xa catro fotos e catro titulares de prensa”. En concreto o BNG lalinense critica que ademais do
anuncio destas vivendas o pasado mes de xullo de 2025 por parte da Consellería de Vivenda, ao mes seguinte -en agosto de 2025- o Concello anunciou a cesión dos terreos
en Lalín de Arriba. “Tamén nos venderon a adxudicación do proxecto” e o pasado 6 de abril o presidente da Xunta “volveu anunciar, neste caso a licitación, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta”.
Fernández Sanmartín critica que “o tempo segue pasando e as necesidades de vivenda en Lalín aumentando, mentres aínda tivemos que aguantar na fin de semana un novo acto e foto neste caso da conselleira de Vivenda e o alcalde para volver anunciarnos a licitación no Diario Oficial de Galicia”. O BNG de Lalín considera “un descaro” por parte da conselleira de Vivenda “vir dicir a Lalín que traballan sen demora” en materia de vivenda cando “entre o primeiro anuncio e a licitación que aínda comeza agora pasou xa case un ano. Non sabemos moi ben cal é o concepto de sen demora que practican a Xunta de Galicia e o Concello de Lalín, o que si sabemos é que mentres Xunta e Concello do PP andan a anunciar e facerse fotos, a veciñanza precisa solucións reais e a curto prazo”.
PUBLICIDADE
"Desde o BNG de Lalín xa temos posto sobre a mesa os alarmantes datos da vivenda no noso concello e posibles medidas a tomar, mesmo por parte do concello, a curto prazo como que a Lei de Vivenda habilita aos concellos a tomar medidas para regular os seus
mercados tensionados, a máis efectiva e rápida no caso de Lalín é poñer en circulación
as máis de 3.500 vivendas baleiras".
NOTICIA RELACIONADA:
Allegue avanza a licitación por preto de 3,3 M€ da construción de 17 vivendas públicas en Lalín: https://www.ecosdacomarca.com/post/allegue-avanza-a-licitaci%C3%B3n-por-preto-de-3-3-m-da-construci%C3%B3n-de-17-vivendas-p%C3%BAblicas-en-lal%C3%ADn








Comentarios