O BNG de Lalín esixe a declaración de caducidade da licenza do edificio da rúa Álvaro Cunqueiro
- ecosdacomarca

- 12 nov 2025
- 2 Min. de lectura
Paco Vilariño: “A inacción do goberno é unha forma de complicidade coa especulación e contra o interese público”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín critica que o goberno municipal siga sen adoptar ningunha medida efectiva contra a SAREB en relación co edificio ruinoso da rúa Álvaro Cunqueiro, e pregunta por que non se tramitou aínda a solicitude de declaración de caducidade da licenza urbanística presentada pola organización nacionalistas no rexistro municipal hai xa máis de seis meses.
Lembra o seu voceiro municipal, Paco Vilariño, que no mes de outubro de 2024, o BNG xa levara ao pleno municipal unha moción na que reclamaba a declaración de caducidade da licenza da construción inacabada e instaba á SAREB a modificar radicalmente a súa política de xestión de activos inmobiliarios, apostando polo aproveitamento público das vivendas e terreos dos que é titular. O BNG advertía daquela de que non é admisible que estes inmobles se destinen a poxas dirixidas a fondos de investimento, alleos ao interese social e público.

Desde o BNG apuntan que levan moito tempo denunciando que a SAREB "actúa como un axente especulador, contribuíndo activamente a manter, e incluso subir, os prezos da vivenda nun nivel inasumible para a maioría das familias lalinenses". Sinala que a moción foi rexeitada polos votos do Partido Popular, "que mantén así a súa complicidade coa SAREB e coa súa política de especulación". Ante esta negativa, en maio deste ano, o BNG presentou unha solicitude formal no rexistro municipal para que o Concello procedese a declarar a caducidade da licenza urbanística do edificio. Transcorridos máis de seis meses, o BNG denuncia que non recibiu ningunha notificación oficial sobre o estado da súa solicitude, máis alá de boas palabras e declaracións públicas sen consecuencias reais.
Vilariño lembra que, en xullo, o propio alcalde José Crespo, apropiándose das demandas do BNG, chegou a anunciar nos medios de comunicación que o Concello daría un ultimátum á SAREB, e que, de non vender o inmoble, deberían regalalo á Xunta ou ao Concello de Lalín. Mesmo afirmou que, en caso contrario, caducaría a licenza e ordenaría a demolición do edificio. O BNG denuncia que, cinco meses despois desas “bonitas declaracións”, o goberno municipal "non tomou ningunha medida seria nin contundente, e segue sen dar trámite á solicitude formal presentada polos nacionalistas". "A finais de agosto, produciuse ademais un incendio no inmoble, que puido agravar o deterioro da estrutura e dos elementos xa danados. Nin sequera ese suceso, que podería ter tido consecuencias graves, motivou ao goberno local a actuar".
Publicidade
Desde o BNG subliñan que esta "pasividade e complicidade do goberno do Partido Popular só serve para protexer os intereses da SAREB e prexudicar á veciñanza de Lalín, que leva anos padecendo a degradación e o perigo dun edificio abandonado". Remata Vilariño asegurando que “non hai xustificación posible para que o Concello siga mirando para outro lado. A inacción do goberno do Partido Popular é unha forma de complicidade coa especulación e contra o interese público”.







Comentarios