O BNG de Lalín esixe a apertura“inmediata”do espazo do parque canino no que o Concello investiu 21.000 €
- ecosdacomarca

- hace 14 horas
- 3 min de lectura
Mari Fernández lembra ao PP de Lalín que“levamos anos pedindo explicacións e exixindo a posta en servizo desta infraestrutura”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín esixe do goberno local do PP "apertura inmediata do parque canino no que, por capricho de Crespo, o concello investiu 21.000 euros para ter unha parcela preparada para o seu uso e pechadas aos usuarios e usuarias". A voceira nacionalista, Mari Fernández, lembra ao goberno municipal que o BNG “leva pedindo desde hai anos explicacións polo feito de que esta infraestrutura permaneza pechada e a súa inmediata posta a disposición da veciñanza”. Son moitos os donos e donas de mascotas no concello “que non entenden por que se investiron os cartos de todos nunha infraestrutura para que non a desfrute ninguén".

Os nacionalistas lalinenses “recibimos queixas e consultas recorrentes dos propietarios de mascotas, que non poden utilizar un espazo rehabilitado e preparado como espazo de lecer para os animais de compañía con cartos do seu peto”. Mari Fernández sinala que o BNG “leva anos pedindo explicacións ao concello polas súas erráticas actuacións a respecto deste parque canino, sen resposta algunha por parte dun goberno soberbio que abre e pecha os espazos públicos sen dar explicación algunha á veciñanza”. En todo caso o BNG exixe ao concello a posta en servizo deste espazo para use e desfrute da cidadanía, "non podemos permitir espazos pechados e sen uso, si non queren que se utilice como parque canino que expliquen por que non o abren para outro uso".
Critica Mari Fernández “a incongruencia dun goberno local que non para de mercar edificios e espazos como se fose unha inmobiliaria, mentres ten pechados e sen uso outros espazos adquiridos e rehabilitados con cartos de todas e todos os lalinenses”.
PUBLICIDADE
O acontecido co parque canino é, para o BNG de Lalín “outro exemplo máis dun goberno municipal sen proxecto e sen rumbo que funciona só a golpe de talonario e de costas ás demandas da veciñanza”.
Servizos necesarios para a veciñanza
Desde o BNG de Lalín lembran ao goberno local os informes anuais de institucións e voces autorizadas que falan de que o incremento de abandono animal na Galiza é“alarmante”, xa que desde 2017 medra ao ritmo do 42%.
Un parque canino supón, apunta, una mellora na vida non só dos cans de compañía dos lalinenses que viven no casco urbano, senón na propias condicións dos animais,que poderían desfrutar dunha zona verde específica, segura e garante de benestar para animais e persoas. Asegura Fernández Sanmartín que a apertura deste espazo suporía “a mellora nas condicións da vida dos animais e una medida moi importante na prevención do abandono,relacionada co comportamento dos animais”, terceira das causas de abandono de cans das recoñecidas nos informes da Fundación Affinity.
PUBLICIDADE
O BNG de Lalín cualifica como “un despropósito” a historia do goberno de Crespo arredor do parque canino de Lalín. Lembran os nacionalistas que Lalín tiña xa un parque canino de 1.000 metros cadrados, que Crespo decidiu no ano 2023 que “non era abondo e había que reubicar por algunhas protestas veciñais a catro meses dunhas eleccións”. O resultado foi un investimento de case 21.000 euros nun novo parque canino “200 metros cadrados máis pequeno que o anterior” e que, segundo sinala Fernández Sanmartín “para colmo non son nin capaces de abrir para o seu uso”.
“Queremos explicacións desta nova nefasta xestión do goberno local do PP dos cartos de todas e todos, e exiximos que un espazo coma o parque canino acondicionado cos nosos impostos dunha vez por todas sirva para o obxectivo para o que supostamente foi creado”,afirma Fernández Sanmartín. Desde o BNG de Lalín, diate das queixas e demandas da veciñanza, aseguran que “non imos permitir que unha infraestrutura pagada por todas e todos siga pechada mentres hai unha grande demanda deste servizo".








Comentarios