O BNG de Lalín denuncia o mal estado das beirarrúas e esixe ao goberno local actuacións urxentes
- ecosdacomarca

- 12 ago
- 2 Min. de lectura
Mari Fernández: “A accesibilidade non é un luxo, é un dereito”
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín vén de denunciar "o grave deterioro das beirarrúas en distintas zonas do concello, entre elas, a modo de exemplo citan a rúa da Ponte, r/ Pintor Laxeiro e r/ Alcalde Ferreiro, en calquera das parroquias onde existan, etc" e instan ao PP a acometer de maneira inmediata un plan integral de arranxo das beirarrúas do caso urbano e das parroquias, "dado o seu preocupante estado de abandono e deterioro".

A formación nacionalista recolle así as queixas de numerosos veciños e veciñas que alertan sobre lousas soltas, fochancas e desniveis perigosos que levan tempo sen ser
reparados polo Concello. Segundo afirma a responsable local do BNG, Mari Fernández,
“non se trata dun feito puntual, senón dunha situación prolongada no tempo que supón un
risco real para a cidadanía, especialmente para as persoas máis vulnerables: maiores,
crianzas, persoas con diversidade funcional ou con mobilidade reducida, o que evidencia
o abandono no mantemento do espazo público por parte do goberno local”.
Publicidade
Desde o BNG lembran que estas deficiencias xa provocaron caídas e lesións a varias
persoas, algunhas das cales chegaron mesmo a presentar denuncias formais contra o
Concello despois de terlle provocado lesións e ter que ser atendidos no CIS ou incluso no
CHUS. “É inaceptable que en pleno 2025 a veciñanza teña que camiñar con medo por
beirarrúas en tan mal estado, o goberno municipal non pode seguir mirando para outro
lado”, engade Mari Fernández.
Publicidade
A formación nacionalista insiste en que o estado destas rúas vulnera os dereitos de
accesibilidade de moitas persoas, especialmente maiores ou con mobilidade reducida, e
urxe ao Concello a que acometa de inmediato as reparacións necesarias. O BNG de Lalín
anuncia que levará este asunto ao próximo pleno municipal e presentará unha iniciativa
instando ao goberno local a actuar con urxencia. “Estamos ante unha cuestión importante
para garantir a seguridade viaria e a mobilidade das persoas que non admite máis
demora”, conclúe Mari Fernández.








Comentarios