top of page

O BNG de Lalín denuncia o grave atraso na publicación dos campamentos de verán do Concello

"A situación que estamos a vivir é totalmente evitable e responde á falta de previsión e

compromiso do goberno municipal coa conciliación das familias", sinala


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín, a través do seu responsable de organización, Manuel Carbón, denuncia o preocupante atraso na publicación da oferta de campamentos de verán do Concello de Lalín. "A finais de maio, as familias lalinenses seguen sen ter acceso ás datas e á programación destas actividades fundamentais para a conciliación da vida laboral e familiar, mentres que outras administracións, como a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e outros moitos concellos do país xa iniciaron hai meses o proceso de inscrición e mesmo nuns casos xa están a realizar o sorteo de prazas na actualidade e noutros xa están pechadas".

Os campamentos de verán non só son unha ferramenta esencial para a conciliación, senón que representan unha oportunidade única de aprendizaxe no marco da educación non formal, tal e como sinalan os nacionalistas. "A través destes programas, os nenos e nenas adquiren habilidades sociais, desenvolven a autonomía, potencian a convivencia e experimentan un contacto enriquecedor coa natureza e coa cultura. O seu impacto educativo vai moito máis alá do mero entretemento, sendo un complemento imprescindible para o desenvolvemento integral da infancia".


Manuel Carbón, que conta cunha dilatada experiencia na organización e dirección de campamentos como os de A Lanzada, Boiro ou Forcarei, pon de manifesto que este retraso resulta inaceptable e prexudica gravemente ás familias de Lalín. "A falta de previsión do goberno municipal non só afecta ás familias e á planificación das vacacións, senón que tamén complica a contratación de persoal cualificado. Moitos monitores e monitoras xa teñen compromisos noutras administracións que convocaron os seus campamentos con tempo, o que pode derivar nunha oferta de menor calidade por falta de

profesionais con experiencia", explica Carbón.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"A situación que estamos a vivir é totalmente evitable e responde á falta de previsión e compromiso do goberno municipal coa conciliación das familias e coa educación non formal dos nenos e nenas de Lalín. Mentres noutras administracións xa se pechan as listas de admitidos, aquí seguimos sen ter sequera unha convocatoria oficial. Isto obriga ás familias a buscar alternativas á desesperada, o que remata por provocar que queden prazas baleiras nos campamentos municipais, como xa aconteceu o ano pasado", engade.


Desde o BNG de Lalín esixen ao Concello que publique de inmediato a oferta de campamentos de verán e que garanta que en vindeiros anos se planifiquen con tempo suficiente para evitar que esta situación volva repetirse. "Non se pode permitir que a despreocupación e a desorganización do goberno municipal lastren a conciliación das familias e limiten as oportunidades de lecer educativo para a infancia de Lalín".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por todo isto, o BNG comprométese a seguir reclamando unha mellor xestión por parte do Concello, que permita ás familias lalinenses contar cunha oferta de campamentos "transparente, organizada e adaptada ás súas necesidades".

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page