top of page

O BNG de Lalín demanda participación cidadá na planificación arredor dos recursos enerxéticos

Mari Fernández Sanmartín critica “a falta de transparencia” do PP respecto dos proxectos enerxéticos que afectan a este concello


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín está preocupado pola “falta de transparencia” do goberno local do PP a respecto dos proxectos industriais enerxéticos en marcha ou pendentes de instalarse no neste concello. A responsable local do BNG, Mari Fernández Sanmartín considera que “non é de recibo que a veciñanza de Lalín non coñeza polo seu goberno local que proxectos, que empresas e con que custes se queren aproveitar os recursos que son das e dos veciños de Lalín”.

ree

"Desde o BNG de Lalín dicimos basta xa de inzar o noso territorio de proxectos extractivistas sobre os que o PP de Lalín cala e deixa facer”. Segundo vén de recoñecer o último informe da patronal eólica española, a Asociación Empresarial Eólica (AEE) ao peche de 2024 Galiza tiña 186 parques eólicos espallados por todo o territorio, na provincia de Pontevedra segundo ese mesmo informe o 25% dos concellos teñen algunha destas instalacións. Desde o BNG esixen ao goberno do señor Crespo “transparencia” e que “dea conta á cidadanía dos datos exactos de potencia instalada, aeroxeneradores e parques e os supostos beneficios que deixan no noso concello”.


Critica Sanmartín que “entre o PP no Concello de Lalín e o PP na Xunta furtan á cidadanía explicacións e debate arredor deste tipo de proxectos”. Diante desta situación, o BNG de Lalín reclama “que o PP deixe de decidir ás agachadas sobre os recursos e o futuro da veciñanza de Lalín”. Proxectos con “gran contestación social e graves perxuízos para o territorio e a saúde da veciñanza” como os de Altri ou as plantas de biogás que están a anunciarse a contagotas polo territorio, requiren “gobernos responsables que informen e pregunten á veciñanza”, asegura Fernández Sanmartín, “non poden seguir enterándose de algo que lles afecta directamente cando se dan as licenzas ás empresas ou cando aparecen no Diario Oficial de Galiza".

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Sobre Lalín penden proxectos eólicos, solares e eléctricos sobre os que “a veciñanza e o resto dos partidos nos enteramos pola prensa cun pouco de sorte”, criticou Fernández Sanmartín. Diante desta situación “que leva anos agravándose”, o BNG de Lalín recibiu xa as queixas de moitas veciñas e veciños “que se senten indefensos diante de empresas todopoderosas que din contar co aval dos seus gobernantes”. Por iso o BNG de Lalín

exixe que o goberno do señor Crespo “deixe de poñerse do lado das empresas e empece a preocuparse por estes veciños e veciñas”. Mari Fernández Sanmartín lémbralle ao PP “as loitas que a veciñanza ten feito en solitario fronte a proxectos contra o seu territorio”, dese exemplo “debería ter aprendido xa o señor Crespo e o seu goberno” para “non ter que subirse ao carro no último momento”.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Consello de participación cidadá

Por iso o BNG de Lalín demandará ao goberno local que poña en marcha un “consello de planificación dos recursos de Lalín” que asegure a participación cidadá nas decisións que afectan aos recursos e ao territorio que son de todas e todos “e non a finca particular do PP”. Fernández Sanmartín urxe ao goberno municipal a “mudar de modelo, rematar coa ocultación e poñer luz e taquígrafos para defender dunha vez por todas aos veciños e veciñas, o noso territorio e o noso futuro”.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page