O BNG de Lalín demanda a dotación do servizo de pediatría polas tardes no centro de saúde da vila
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín presentará unha moción a través da que demanda que se dote do servizo de pediatría polas tardes no centro médico desta localidade.

"O Centro de Saúde de Lalín vén sendo noticia desde hai anos, entre moitas outras carencias, pola inexistencia do servizo de Pediatría polas tardes. A realidade é que na actualidade conta con tres pediatras en xornada de mañá, das cales unha delas desprázase dous días á semana a Rodeiro un par de horas o que conleva que o sevizo quede aínda máis minguado", subliña. E ademais, recalca que "a carga de traballo que teñen é altísima debido ao elevado número de pacientes que atenden diariamente e a complexidade de ditas consultas tanto no relativo a tempo de atención necesario como a todo o abano médico de atención que require xa que estas profesionais realizan diagnósticos e tratamentos das patoloxías propias destas idades, ademais coordinan actividades de promoción e prevención que permiten realizar unha asistencia médica integral, e se é necesario brindan atención continúa cando se atopa algunha anormalidade no desenrolo. Non podemos esquecer tampouco que as actividades de promoción e prevención inclúen: vacinación, atención á familia e controis de crecemento e desenrolo".
Así mesmo, indica que "desde o BNG é algo que vimos demandando desde hai anos, e que como é evidente a Xunta de Galiza nega ao noso concello, unha solicitude dunha atención que se fai moi necesaria para moitísimas nais e pais que ven como polo tarde e noite só lles queda a posibilidade de acudir ao CHUS ou de ir á privada quen ten capacidade económica de facelo".
Por todos estes motivos, o partido nacionalista propón ao Pleno da Corporación Municipal solicitar á Xunta de Galiza dotar ao centro de saúde de Lalín de atención de Pediatría polas tardes sen recortar o servizo de mañá.








Comentarios