O BNG de Lalín demanda a construción de beirarrúas no treito da Rolda Leste que conecta co CIS
- ecosdacomarca

- 10 sept
- 2 Min. de lectura
Paco Vilariño: “Queremos dotala de seguridade para o tránsito peonil”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín reclama ao goberno municipal que dote de beirarrúas o treito da Rolda Leste, comprendido entre a rotonda do Alto de Vales e o cruce coa rúa 4, un tramo de pouco máis de 100 metros "que a día de hoxe carece das máis mínimas condicións de seguridade para o tránsito peonil", recalca.

Relatan desde o BNG que xa antes da posta en marcha do novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín era habitual ver moito tránsito de persoas nesta zona, mais coa súa apertura é evidente que aumentou substancialmente. "Desde primeira hora da mañá son moitos os veciños e veciñas que acoden ao centro sanitario, véndose obrigados a camiñar pola beiravía. A situación agrávase coa chegada do inverno e o cambio oficial de hora, cando deben transitar de noite, con escasa iluminación e visibilidade, o que supón un risco evidente para a súa seguridade".
O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, afirma que "o perigo increméntase polo estacionamento de vehículos, moitos deles pesados, na propia beiravía, que obriga ás persoas a circular pola calzada, compartindo espazo co tráfico rodado, o que xenera unha situación de risco que non se pode tolerar por máis tempo".
Dende o BNG lembran que a construción destas beirarrúas pode realizarse sen necesidade de adquirir novos terreos, mesmo aproveitando o espazo que actualmente se destina a estacionamento. A supresión destas prazas non xeraría problema ningún, pois a contorna dispón de suficiente capacidade de aparcadoiro.
Publicidade
A fronte nacionalista nacionalista pon tamén de manifesto que "nos últimos días a brigada municipal de obras está a repoñer beirarrúas noutros puntos da vila, como na rúa da Habana, e mesmo a construír novos tramos, como é o caso do recentemente executado ao final da rúa do Tirabeque". O BNG pregúntase "se estas actuacións teñen prioridade por estaren á beira da Casa do Concello, cuestionando se son realmente máis necesarias para a veciñanza que a construción do treito reclamado, que dá acceso directo ao Centro Integral de Saúde".
O BNG de Lalín insta ao goberno municipal a atender con urxencia esta demanda veciñal, priorizando a seguridade e o benestar da cidadanía e anuncia que lavará dita proposta ao seguinte pleno municipal.







Comentarios