O BNG de Lalín cualifica de “cínico e mentireiro” o plan de financiamento 2026-2027 do goberno do PP
- ecosdacomarca

- 25 abr
- 3 min de lectura
Mari Fernández pide ao goberno local “que explique á veciñanza por que vai aumentar un 20% o endebedamento do concello”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín considera “o colmo do cinismo” que ao goberno do PP no concello non lle gusten as críticas á súa “nefasta política económica” logo de presentar o plan financeiro 2026-2027 que “imos a pagar coma sempre as veciñas e veciños de Lalín”. A responsable local do BNG, Mari Fernández Sanmartín, acusa ao goberno local do PP de “mentirlle de novo á veciñanza” a respecto da situación financeira do concello “acusando ao BNG de incongruente precisamente por criticar o que vimos advertindo fai anos na errática política económica do goberno de Crespo”.

Fernández Sanmartín advírtelle ao goberno local que “outra mentira máis xa non cola” e anima ao equipo de goberno do PP a “facer dunha vez por todas un exercicio de sinceridade coas veciñas e veciños, entonar o mea culpa e poñerse a traballar para
mudar a situación nefasta das arcas municipais que provocaron as súas nefastas políticas
nos últimos anos”.
PUBLICIDADE
O BNG de Lalín lémbralle ao goberno de Crespo que desde o ano 2023 -as últimas eleccións municipais- leva xestionado orzamentos desde o concello por valor de case 100 millóns de euros, “mentres segue aumentando a débeda que xa supera os 11 millóns e condena a pagar a cada veciño 550 euros polo despilfarro e o desgoberno do PP”.
Mari Fernández Sanmartín anima ao goberno local do PP a “facer dunha vez por todas un exercicio de sinceridade coa veciñanza, e explicar cal é o motivo verdadeiro polo que decidiron aumentar un 20% o marxe de endebedamento do concello con este plan
financeiro”. Insiste o BNG en lembrarlle aos “pésimos xestores que temos das nosas
arcas públicas, dos cartos de todas e todos os lalinenses”, que “contan cun orzamento
anual máis que considerable que só no 2024,2025 e 2026 supera os 79 millóns de euros
“mais eso non lles chega para pagar non sabemos moi ben o que, porque a veciñanza
non deixa de ver aumentar os seus impostos sen ver mellorar os seus servizos”.
Fernández Sanmartín exíxelle ao PP, “que se desculpe coa veciñanza e deixe de tapar as vergoñas económicas do goberno local coas obras de mellora nas parroquias”, lembra a
responsable local nacionalista que “os impostos que pagan as veciñas e veciños de Lalín
e os orzamentos municipais que xestiona o goberno teñen que reverter si ou si en
melloras na calidade de vida e o benestar da veciñanza”.
PUBLICIDADE
Critica Fernández Sanmartín que “o PP coma sempre ve nos servizos públicos para a xente un gasto, e non un investimento”, mentres que na práctica o goberno local “leva anos gastando os cartos das veciñas e veciños en non sabemos que, pero non en políticas para a xente”. Diante dos datos oficiais económicos do concello de Lalín, a ruptura da regra de gasto e este Plan Económico Financeiro presentado polo concello esta mesma semana, o BNG de Lalín reprocha o “cinismo” do goberno local ao insistir na “saúde financeira” e os “niveis de endebedamento razoables” do concello. Fernández Sanmartín exixe ao goberno do PP “que poña os pes na terra, baixe á realidade, recoñeza a súa nefasta xestión económica e poña os alicercer para mudar un rumbo que vai levar ao noso concello ao peor dos escenarios económicos nos vindeiros anos”.








Comentarios