O BNG de Lalín critica a “suba impresentable” das peaxes da AP 53
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
Paco Vilariño pon en valor os 8 meses de bonificacións das peaxes acadadas polo BNG fronte á “discriminación a Galiza de PSOE e PP”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín considera “impresentable” a suba das peaxes da AP 53 perpetrado desde onte polo Goberno español e o “prexuízo” que supón para os e as lalinenses e o conxunto da cidadanía que teñen esta autoestrada como vía principal de comunicación coa capital de Galicia. O voceiro do BNG de Lalín, Paco Vilariño, criticou a “decisión unilateral e indiscriminada” adoptada desde o Ministerio de Transportes para consumar desde este 1 de xaneiro unha suba de case un 4% nas peaxes nesta vía.

Vilariño puxo fronte ao espello a política do BNG que “cun só deputado e unha senadora en Madrid teñen aforrado aos usuarios desta vía desde o pasado mes de abril até máis de 2.500 euros nos seus traxectos pola AP 53 para vehículos lixeiros e de 3.780 euros para pesados”. Do outro lado, destacou o voceiro nacionalista, están PSOE e PP “privatizadores das arterias de comunicación do noso país que amplían concesións inxustas a empresas privadas e pagan cos petos das veciñas e veciños”.
O BNG de Lalín considera “un escándalo” que un goberno “que se di progresista, consinta que unha empresa privada aumente o seu negocio a costa da veciñanza”. Lembra o voceiro do BNG lalinense que foi o BNG “cun só deputado en Madrid” quen acadou nun pacto de investidura co PSOE “unha rebaixa histórica das peaxes á veciñanza de Lalín”. Lembra Vilariño que o pasado mes de abril, “grazas ao traballo do BNG por esta comarca en Madrid” están vixentes descontos do 50% na peaxe de volta nas 24 horas e do 75% aos usuarios moi frecuentes que fagan máis de 20 viaxes mensuais.
Publicidade
A organización frontista destaca o importante aforro que este acordo supón e destaca que “este é o compromiso e o obxectivo do BNG onde está presente e pode decidir”, afirma Vilariño, un xeito de facer política que “contrasta claramente co de PP e PSOE, responsables da privatización das nosas vías de comunicación que seguen sen querer
liberar as peaxes”.
A “defensa” de Galicia fronte ao “desprezo” de PP e PSOE
Vilariño pon en valor “a defensa de Galiza e dos intereses da xente” que o BNG fai nas
institucións nas que está presente, fronte ao “desprezo sistemático que tanto PP como PSOE fan con Galiza en Lalín, en Santiago, en Madrid ou en Bruxelas, onde faga falta”. O voceiro nacionalista critica que cando o BNG fixo efectivo o pasado mes de abril a bonificación conseguida polo deputado Néstor Rego para as peaxes da AP 9 e a AP 53 “o PSOE quixo facer seu o mérito das bonificacións”, algo que “vén de converterse nun descarado postureo ao permitir aplicar unha suba impresentable do 4% das tarifas aprobada polo Goberno do Estado”.
Publicidade
Desde o BNG de Lalín aseguran que “seguiremos loitando polo que é de xustiza para as nosas veciñas e veciños como é a gratuidade da peaxe”, e advirten tanto a PP como a PSOE que “nos van seguir tendo enfronte cando queran discriminar ás galegas e galegos”. Advirte Paco Vilariño que o das peaxes da AP 53 é un exemplo claro de que
“ninguén defende onde sexa os intereses de Galiza como o fai o BNG”.








Comentarios