top of page

O BNG de Lalín insta a Sanidade a dotar ao CIS de dúas prazas de psicoloxía e dúas de psiquiatría

"Segundo os últimos datos oficiais das listas de agarda do Sergas de xuño de 2024, na área sanitaria de Santiago-Barbanza á que pertence Deza, hai preto de 30.000 persoas agardando por unha consulta", sinala o Bloque



Ecos da Comarca/Lalín

Francisco Vilariño e Ariadna Fernández, concelleiros do BNG de Lalín, levarán ao vindeiro pleno do Concello unha moción sobre a saúde mental do Centro Integrado de Saúde (CIS) deste municipio.


"Desde o BNG de Lalín vimos denunciando en reiteradas ocasións a precariedade do servizo de saúde mental do Centro Integral de Saúde (CIS). Para a atención a unha área de arredor de 40.000 persoas o CIS só conta no eido de saúde mental cun psiquiatra e un psicólogo. Esta é toda a máis que insuficiente dotación real de persoal fronte ao que a Xunta de Galiza nos vendeu nos fastos da posta en marcha do CIS. Na práctica, o que está a acontecer a moita veciñanza é que unha persoa que pide vez para que a vexa un psiquiatra ou unha psicóloga en Lalín tarda un mínimo de 4 meses en que o Sergas lle dea resposta, e cando lle da a cita, resulta como está acontecendo desde hai unhas semanas, moitas teñen que desprazarse a Santiago", sinalan.

"É un escándalo insoportable e unha auténtica falta de humanidade o que está a acontecer en Lalín cos pacientes que precisan do servizo de saúde mental. Desde o BNG levamos moitos anos recibindo queixas de veciñas e veciños en situacións dramáticas e que carecen dunha axeitada cobertura de persoal neste servizo no Centro Integral de Saúde (CIS) sen que Sergas nen o Concello busquen solucións. Demandamos da Consellería de Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental, persoal fixo e estable que depende do propio CIS e non do CHUS".


Como mínimo o BNG esixe que o Sergas cree unha praza máis en psiquiatría e outra en psicoloxía "para que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos non teña que verse obrigada a ir á privada, quen ten recursos económicos, ou senón quedar totalmente desamparado debido á longa periodicidade das mesmas, ou como acontece agora verse na obrigación de desprazarse a Santiago para unha consulta psiquiátrica, na que lonxe de calquera protocolo de idoneidade vai ser atendido por un profesional distinto co conflicto que isto acarrea para o paciente".


"Cuestionamos a necesidade de contar cun “suposto” Centro Integral de Saúde no que cada día nos atopamos con novas denuncias e problemas de atención por parte das veciñas e veciños. Desde o BNG xa advertimos hai moitos meses á Xunta do PP e ao goberno local que o que temos é un edificio sen dotar, na práctica, seguimos tendo unha asistencia sanitaria na que a poboación depende de poder desprazarse a Santiago para ser atendida nunhas mínimas condicións. As cifras son vergoñentas, e deberían sacarlle as cores a calquera responsable público, segundo os últimos datos oficiais das listas de agarda do Sergas, correspondentes ao mes de xuño de 2024 na área sanitaria de Santiago-Barbanza á que pertence a Comarca de Deza, hai preto de 30.000 persoas agardando por unha consulta. No caso das consultas externas de psiquiatría, na área sanitaria son case 1.400 as persoas en lista de agarda".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O mesmo acontece, sinala o Bloque, "no seguimento dos pacientes na área de saúde mental do Sergas, os propios psiquiatras denuncian que logo de atender a un paciente nunha primeira cita, para a segunda teñen 12 ou 13 minutos por paciente, e o sistema non garante nin sequera que sexa o mesmo profesional o que os atende, o que ocasiona nos usuarios auténticos problemas psicolóxicos engadidos e provoca na práctica que a única

atención posible en saúde mental sexa pagar na privada".


Polo exposto, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín insta á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a dotar ao Centro Integral de Saúde de Lalín de dúas prazas de psicoloxía e dúas de psiquiatría, o que suporía na práctica, dotar ao CIS de dúas prazas novas, pasando así os dous profesionais que exercen no CIS na área de psicoloxía e psiquiatría a formar parte da plantilla do mesmo e non do CHUS.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page