O BNG de Dozón denuncia "a falta de limpeza no colexio, no centro de saúde e no Concello"
- ecosdacomarca

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
Anuncia que, de non solucionarse de inmediato, elevará esta denuncia ás autoridades sanitarias e educativas competentes para garantir a seguridade da veciñanza
Ecos da Comarca/Dozón
O Bloque Nacionalista Galego de Dozón, a través do seu representante na corporación municipal, quere trasladar á opinión pública a súa máis profunda indignación e preocupación "ante a parálise absoluta dos servizos de limpeza no municipio". Segundo as denuncias recollidas pola formación, "dende hai 15 días non se realiza ningunha tarefa de mantemento nin hixiene nas tres infraestruturas clave do concello: o Colexio Público, o Centro de Saúde e a Casa do Concello. Unha temeridade que afecta aos colectivos máis vulnerables".

Para o BNG, "que un goberno local permita que os centros onde conviven nenos, nenas e persoas enfermas acumulen sucidade durante dúas semanas é unha irresponsabilidade criminal".
O Bloque recalca que:
• No Colexio: "A falta de limpeza nas aulas e baños supón un risco de infeccións e un ambiente indigno para o alumnado e o profesorado".
• No Centro de Saúde: "A situación é crítica; a hixiene nun centro médico non é negociable, e a súa ausencia pon en perigo tanto aos pacientes como ao persoal sanitario".
• Na Casa do Concello: "A parálise administrativa tradúcese nunhas instalacións que ofrecen unha imaxe de abandono absoluto aos veciños e veciñas que acoden a realizar os seus trámites".
PUBLICIDADE

"Dozón non merece este desprezo"
O concelleiro nacionalista denuncia que esta situación "non é un feito illado, senón o síntoma dun goberno municipal "sgotado e incapaz de xestionar o máis elemental". O BNG esixe saber se este corte do servizo "se debe a falta de pagamentos, á caducidade dos contratos ou a unha simple desidia política", pero advirte que "as facturas políticas non as poden pagar os nenos e os enfermos de Dozón".
Esixencia de medidas de urxencia
Dende o BNG de Dozón instan ao alcalde e ao seu equipo de goberno "a que abandonen a súa pasividade" e tomen as seguintes medidas nas próximas 24 horas:
1. Contratación de emerxencia para restablecer o servizo de limpeza de xeito inmediato nos tres centros.
2. Plan de desinfección extraordinario para paliar os efectos dos 15 días de abandono acumulado.
3. Transparencia total: Informe detallado sobre por que se suspendeu o servizo e quen é o responsable desta neglixencia.
Publicidade
"Se o goberno local non é capaz de garantir que se limpen os baños do colexio ou o chan do médico, non está capacitado para seguir dirixindo este concello nin un minuto máis", sentencian dende a fronte nacionalista.
O BNG anuncia que, de non solucionarse de inmediato, elevará esta denuncia ás autoridades sanitarias e educativas competentes para garantir a seguridade da veciñanza.







Comentarios