O BNG de Dozón denuncia a "falsa seguridade" sobre a calidade da auga
- ecosdacomarca

- hace 4 horas
- 3 Min. de lectura
Reclama controis sanitarios actualizados
Ecos da Comarca/Dozón
O Bloque Nacionalista Galego de Dozón quere trasladar á veciñanza unha análise crítica e rigorosa ante as recentes noticias publicadas nos medios de comunicación sobre a calidade da auga neste concello. "Aínda que certas informacións sitúan a Dozón nunha
situación favorable por baixos niveis de contaminantes, a realidade que agochan os datos oficiais é moito máis preocupante e fragmentada do que se quere facer crer. Unha calidade baseada en datos parciais e obsoletos Tras revisar os boletíns de autocontrol,
dende o BNG denunciamos que a suposta seguridade da nosa auga fundaméntase nunha mostraxe extremadamente limitada que non reflicte a realidade de todo o municipio".

Sinala o Bloque:
"• Os valores que se difunden como positivos corresponden unicamente a puntos de
mostraxe moi concretos dentro dunha única zona de abastecemento".
• "Para outras zonas de distribución, o último boletín dispoñible no sistema de información de consumo data de hai varios anos, concretamente de xuño de 2021".
• "Isto supón que para gran parte do Castro, e para a totalidade do resto de parroquias do
concello, non existen datos públicos actualizados que garantan a calidade sanitaria da auga que consomen as nosas familias".
A necesidade dun control normativo e frecuente
Dende o BNG instan ás administracións competentes, incluíndo o Ministerio de Sanidade e a autoridade sanitaria autonómica, a que supervisen e garantan que os controis de auga se realicen coa frecuencia e o rigor que esixe a normativa vixente. "Non é de recibo que a veciñanza teña que confiar na potabilidade do seu abastecemento baseándose en análises de hai lustros. Esiximos que o Concello adecúe de xeito inmediato a periodicidade das súas analíticas para cumprir cos estándares normativos de saúde
pública".
PUBLICIDADE
"A parálise do Goberno Municipal do PP"
"Esta situación de "falsa seguridade" é consecuencia directa do abandono do goberno local. Tal como denunciamos nas nosas iniciativas políticas, o grao de cumprimento das competencias municipais en materia de augas é, cando menos, insuficiente. Ao longo do último ano, o BNG de Dozón presentou dúas mocións fundamentais que o Partido Popular mantén gardadas nun caixón".
• Moción de Marzo de 2025: "Esiximos a planificación de obras integrais de saneamento en
todos os lugares de Dozón e o inicio do debate para unha Ordenanza Municipal de
Tratamento e Saneamento de Augas"
• Moción de Xuño de 2025: 2Reclamamos con urxencia a identificación das masas de auga e a implantación dun servizo municipal de baleirado de fosas sépticas para aquelas vivendas que non contan con rede de sumidoiros".
PUBLICIDADE
"A nosa esixencia: Un Ciclo Hídrico con garantías"
Para o BNG, a calidade da auga non pode ser un titular de prensa estacional, senón unha garantía de saúde pública os 365 días do ano. Por iso, instan ao goberno de Dozón a:
• Executar un Plan de actuacións plurianual con investimentos reais e prazos de execución definidos.
• Realizar análises completos e periódicos de todas as fontes e traídas de auga do concello, publicando os resultados para que a cidadanía saiba que bebe.
• Deseñar sistemas de depuración axustados para cada núcleo de poboación, respectando o medio receptor e as necesidades do noso rural.
"Non podemos permitir que se use o nome de Dozón para lavar a cara dunha xestión inexistente. A veciñanza merece transparencia, seguridade normativa e infraestruturas do século XXI", conclúe o Bloque.








Comentarios