Ecos da Comarca/Dozón
O BNG de Dozón rexeita a redución dunha unidade de Educación Primaria, e a supresión de dúas docentes no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón. Utilizando como xustificación que a matrícula pasa de 27 a 26 alumnos, e tras adxudicar este mesmo ano destino definitivo a 2 docentes (que terán que suprimir) aplican unha medida completamente inxustificada, que vai supor un claro deterioro da calidade do ensino e un grande retroceso para conxunto da comunidade educativa do concello.

Con esta medida, o cadro de persoal do centro queda reducido a un/unha profesora especialista de Educación Infantil e un/unha profesora especialista de Educación Primaria a tempo completo; e un/unha profesora especialista de Lingua Estranxeira Inglés “compartida” con outros centros da comarca.
Con esta medida non se permite unha atención especializada nen individualizada ás crianzas alí matriculadas, e a calidade do ensino empeora enormemente ó estar agrupados na mesma aula o alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria con un/unha única profesora, que terá que explicar na mesma aula e no mesmo momento a materia para un alumnado de 6 niveis diferentes (¿en cada hora corresponden 10 minutos a cada nivel?). ¿En que Lei, Acordo ou Resolución está que se poden agrupar tódolos niveis de primaria?.
Publicidade
Ademais de dificultar a aplicación dos distintos programas e plans educativos nos que está inmerso o Colexio de Dozón, que con tres docentes dificilmente se poden levar a cabo. "Con esta medida a Consellería de Educación do PP saltase os últimos acordos de non eliminar aulas por redución de alumnado, e tódalas afirmacións de “apoio ó rural” prometidos en canto medio apareza, e ocasión que se presente. Non se pode apoiar o rural eliminando servizos, ou deteriorando ese servizo de tal xeito que os usuarios teñan que buscar alternativas fóra dos Concellos rurais de Galiza. Esta medida obriga a buscar alternativas nos concellos veciños a aqueles pais que desexan unha mínima calidade na educación das súas crianzas. Levando incluso, a reducir aínda máis o padrón do Concello, obrigándoos a empadroarse noutra localidade onde lle podan ofrecer dito servizo educativo cun mínimo de calidade".
Por isto, dende o BNG de Dozón esixen á Xefatura Territorial de Pontevedra a inmediata rectificación na decisión adoptada e o mantemento das dúas unidades de Educación Primaria e con elas a atención educativa que se viña dando no centro á comunidade educativa de Dozón, así como a dotación de profesorado coa que contaba este curso, "pois entendemos que os cativos e cativas de Dozón son tan merecedores destes especialistas como calquera outro de calquera concello do país. Tamén esixiremos no Parlamento galego, mediante iniciativa que presentará a nosa deputada, Ariadna Fernandez, que se reverta esta situación".
Commenti