O BNG de Deza acusa ao PP de "mentir e manipular": "Usan aos gandeiros para facer propaganda"
- ecosdacomarca
- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O responsábel comarcal de Deza-Tabeirós do BNG, Xoán Blanco, respondeu onte con contundencia ás declaracións realizadas pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante a súa visita a unha explotación gandeira en Lalín, nas que acusou ao BNG dunha suposta “traizón a Galicia” por non apoiar determinadas medidas ligadas ao acordo UE–Mercosur e erixiu ao PP como defensor do rural.
Publicidade
Blanco considera “gravísimo e absolutamente inadmisible” que o PP "pretenda agora atribuírse unha defensa do sector agrogandeiro “que nunca exerce cando toca facelo, lembrando que o PP votou en contra das cláusulas de salvagarda no pleno da Eurocámara do pasado mes de decembro, medidas que agora presume de defender diante d@s gandeir@s galeg@s". “O PP non só chega tarde, senón que mente descaradamente. A única forza política que mantivo unha posición coherente, firme e constante contra un acordo tan prexudicial como o UE–Mercosur foi e é o BNG”, subliñou.
O responsábel nacionalista reiterou a oposición total do BNG ao acordo UE–Mercosur, "un tratado que supón unha competencia desleal para o sector agrogandeiro galego e unha rebaixa inaceptable dos estándares ambientais e sociais". “Quen queira salvar o sector agrogandeiro galego ten que votar NON ao acordo. Non hai medias tintas”, insistiu.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Blanco lembrou ademais que o pleno do Parlamento Europeo aprobou en xaneiro trasladar o acordo ao Tribunal de Xustiza Europeo para comprobar a súa compatibilidade cos tratados da UE —"co voto en contra do PP, unha vez máis"—. “Non hai maior hipocresía que votar en contra dos mecanismos de protección e logo vir facer teatro diante dunhas vacas”, afirmou.
O BNG tamén participou nunha carta dirixida á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, reclamando que non se aplique de maneira provisional ningunha parte do acordo UE–Mercosur até que o TXUE se pronuncie. “Por hixiene democrática, por respecto ao rural galego e por responsabilidade institucional, ese acordo non se pode aplicar ás agachadas nin ás présas”, indicou Blanco.
Publicidade
Finalmente, o responsábel comarcal denunciou que "o PP está utilizando o rural e @s gandeir@s como atrezo para a súa propaganda partidista, mentres segue avalando políticas que prexudican claramente ao sector. O PP pode repartir fotos e titulares, pero o que reparte en Europa son votos contra os intereses da Galiza rural. A verdadeira traizón é esa”.

As declaracións na redes de Paula Prado (ás que responden o BNG) :
"Somos o partido do rural e volvémolo demostrar logrando as salvagardas que melloran o acordo UE-Mercosur, como defendemos hoxe en Lalín. O BNG NON as apoiou e volveu deixar desprotexidos aos nosos agricultores e gandeiros. Outra traizón a Galicia".




