O BNG de Cruces denuncia o "abandono absoluto do rural e a falta de desbroces"
- ecosdacomarca

- 27 jun
- 2 min de lectura
O voceiro municipal, Álex Fiúza, alerta do grave risco de incendios forestais nun
concello cunha das maiores masas forestais de Galicia e esixe unha planificación
urxente
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vila de Cruces amosa publicamente a súa fonda preocupación e indignación "ante o estado de "total abandono" no que se atopan as infraestruturas viarias e as marxes das estradas do rural cruceño debido á absoluta falta de desbroces neste inicio do verán".

Os nacionalistas cualifican a situación de "emerxencia tanto para a seguridade vial como para a prevención de lumes", sinalando de forma directa "a parálise e a falta de previsión do executivo local de Xuntos polo Noso Concello". Desde a fronte nacionalista lembran que Vila de Cruces é un dos poucos municipios da comarca que quedou fóra do convenio asinado entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga para a xestión da biomasa e a limpeza de terreos.
Para o BNG, esta decisión supón unha irresponsabilidade inadmisible. "Mentres o resto de concellos da contorna planificaron os seus traballos hai meses, o goberno de Luis Taboada volve demostrar que carece de proxecto e de capacidade de xestión, deixando á veciñanza desamparada ante o crecemento descontrolado da maleza", sinala o voceiro municipal do BNG, Álex Fiúza.
PUBLICIDADE
Risco para a circulación e perigo de incendios
O BNG alerta de que a maleza invade xa gran parte da calzada en numerosas pistas de conexión parroquial como en Fontao ou Cumeiro, reducindo drasticamente a visibilidade e o espazo útil das estradas, o que está a provocar situacións de perigo diario
para os condutores. Máis alá da seguridade vial, Fiúza fixo especial fincapé no perigo que isto supón para un concello considerado de alto risco de incendios forestais: "Vila de Cruces conta cunha inmensa masa forestal. Deixar as marxes das estradas e as faixas secundarias sen rozar en pleno verán é unha temeridade que pon en perigo as casas e as vidas das nosas veciñas e veciños".
PUBLICIDADE
Os nacionalistas lembran que xa presentaron semanas atrás unha proposta para elaborar un plan municipal de prevención adaptado á realidade local, pero critican que a resposta do goberno local fose o silencio e a inacción. Dende o BNG instan ao alcalde e ao concelleiro de Obras "a que abandonen a política de parches e a improvisación permanente". Esixen a posta en marcha inmediata dun plan de continxencia que garanta a limpeza e o mantemento integral dos viarios públicos en todas e cada unha das parroquias do concello, priorizando as zonas máis próximas a núcleos habitados.








Comentarios