top of page

O BNG de Arzúa denuncia "a campaña de desinformación do PP" sobre a homenaxe a Reboiras

A organización nacionalista critica a actitude do Partido Popular por “falta de rigor e por amosar unha faciana cada vez máis reaccionaria”


Ecos da Comarca/Arzúa

O BNG de Arzúa vén de denunciar "a campaña de desinformación posta en marcha polo Partido Popular en relación coa iniciativa colaborativa" para a colocación dun monólito de lembranza e homenaxe á figura de Moncho Reboiras, coincidindo co 50 aniversario do seu asasinato. Sinala que esta homenaxe insírese nos actos que as fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras están a desenvolver por todo o país co obxectivo de manter viva a memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado en Ferrol pola policía franquista o 12 de agosto de 1975, converténdose na última vítima do franquismo na Galiza.


O BNG de Arzúa quere deixar claro que "esta iniciativa non lle custará nin un só euro ao Concello de Arzúa". O único compromiso adquirido pola Alcaldía nacionalista coas entidades promotoras é a cesión dun espazo público para situar o monólito, dando así continuidade na vila á campaña cultural e memorial que estas tres fundacións están a impulsar por todo o territorio galego.

ree

Fronte a isto, a organización nacionalista denuncia a actitude do Partido Popular, que “se compromete a retirar unha homenaxe a unha vítima recoñecida do franquismo e lanza acusacións sobre o seu financiamento sen ningún tipo de coñecemento nin rigor”. Segundo o responsábel local, Xurxo Gómez, “o Partido Popular está amosando unha faciana cada vez máis ultra e reaccionaria: primeiro cualificou como simple vandalismo as pintadas fascistas sobre a estatua de Juan Vidal, e agora é incapaz de recoñecer a contribución de Moncho Reboiras á loita pola liberdade deste país, unha loita que lle custou a vida cando só tiña 25 anos”.


O BNG lembra que accións conmemorativas polo 50 cabodano do asasinato de Moncho Reboiras xa se levaron a cabo noutros concellos —como A Coruña ou Santiago de Compostela— sen que o PP dese ningún sinal de protesta nin cuestionase a figura do homenaxeado, polo que resulta especialmente preocupante e sorprendente a actitude do PP de Arzúa, “que se sitúa, unha vez máis, no sector máis reaccionario do Partido Popular de Galiza”.


Gómez engade que o PP está a actuar “lanzando acusacións infundadas que demostran a súa pouca vontade de ser rigoroso, utilizando a desinformación e os bulos como arma política”.“O que demostra o señor Rivadulla ao negar homenaxes a persoas como Moncho Reboiras é que se sitúa cada vez máis cómodo no lado contrario ao polo que Moncho deu a vida: no lado contrario ao antifascismo e á loita pola liberdade”, concluíu.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O BNG de Arzúa lamenta tamén que as formacións Alternativa por Arzúa e o PSdeG-PSOE "fosen vítimas desta campaña de desinformación, contribuíndo a agrandar o bulo arredor desta iniciativa ao emitir comunicados sen antes contrastar co BNG en que consistía realmente. O único obxectivo é que todas as persoas coñezan quen foi a última vítima galega do franquismo: un mozo que loitaba pola liberdade do seu pobo cando foi asasinado pola ditadura”, subliña Gómez.


Finalmente, o BNG confirma que a campaña desenvolverase exactamente como estaba prevista desde o principio, sen supor gasto ningún para o Concello de Arzúa.“O único que se pretende é, como pobo, manter viva a memoria de Moncho Reboiras e de todas as persoas que loitaron pola liberdade, a xustiza social e a dignidade da Galiza, desafiando o franquismo e o seu réxime de terror”, conclúe Xurxo Gómez.


NOTICIAS RELACIONADAS:


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page