top of page

O BNG de Agolada rexeita a posibilidade de que implanten unha planta de biogás neste concello

Entre outras afectaría ás parroquias de Artoño, Amance, Eidián Berredo e Borraxeiros, un proxecto que está xerando preocupación e alarma entre a veciñanza



Ecos da Comarca/Agolada

O BNG de Agolada vén de rexistrar unha moción no Pleno municipal para que o

Concello manifeste o seu rexeitamento total á posible instalación dunha planta de

biogás que afectaría, entre outras as parroquias de Artoño, Amance, Eidián

Berredo e Borraxeiros, un proxecto que está xerando preocupación e alarma entre

a veciñanza.

ree

Segundo denuncian varias familias, e tal e como apunta o Bloque, a empresa promotora está realizando visitas insistentes, facendo ofertas crecentes e exercendo presión para adquirir terreos, ata o punto de que algunhas persoas xa evitan abrir a porta pola insistencia. O BNG cualifica estas prácticas de “absolutamente intolerables”.


A portavoz municipal do BNG, Susana Tato, sinala que o Concello non ofreceu ningunha información oficial sobre o proxecto nin sobre reunións coa empresa, algo que aumenta a desconfianza: “A veciñanza ten dereito a saber quen está detrás, que pretende e como lles pode afectar. E o Concello debe poñerse claramente do seu lado”.


O BNG alerta de que unha planta deste tipo podería causar impactos ambientais, sociais e económicos moi significativos, como emisións de cheiros, incremento do tráfico pesado, risco de contaminación da auga e perda de valor das fincas e vivendas. Ademais, apuntan os nacionalistas que o concello non ten un problema de puríns, tal e como lle señalan a maioría dos gandeiros.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

“É o momento de escoller: ou defendemos o noso rural e ás nosas parroquias, ou deixamos que se decida sen nós”, afirma Tato. “O BNG ténoo claro: estamos coas persoas e co territorio”. "A implantación deste tipo de instalacións industriais de alto impacto require dunha avaliación ambiental rigorosa, da absoluta compatibilidade urbanística e dun marco municipal que garanta a defensa da saúde pública e da convivencia. Por iso proponse incorporar novos acordos que permitan ao Concello actuar con eficacia

preventiva, ao abeiro do artigo 27 da Lei do Solo de Galicia, establecendo unha suspensión temporal de licenzas e abrindo o camiño para unha modificación normativa restritiva".


Polo que o grupo municipal do Bng engade a moción presentada para o seu debate

e aprobación os seguintes


ACORDOS

1. Acordar a suspensión inmediata, ao abeiro do artigo 27 da Lei do Solo de Galicia, do outorgamento de licenzas urbanísticas, autorizacións, aprobacións, comunicacións previas e calquera outro título habilitante municipal necesario para a implantación, ampliación ou modificación de instalacións destinadas á produción de biogás ou biometano.

2. A suspensión terá unha duración inicial de un ano, prorrogable ata o máximo legal permitido, coa finalidade de elaborar durante ese período unha modificación normativa municipal estrita e garantista.

3. Iniciar durante a moratoria a tramitación dunha modificación puntual das normas urbanísticas municipais, coa inclusión das seguintes restricións iniciais:


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

a) Distancia mínima obrigatoria de 10 km entre calquera planta de biogás/biometano e os núcleos habitados, vivendas illadas, traídas de auga comunitarias ou instalacións educativas, sanitarias, sociais ou deportivas.

b) Avaliación preceptiva do impacto acumulativo sobre o territorio, tráfico pesado, calidade das augas, calidade do aire e carga de nitróxeno.

c) Exixencia expresa de compatibilidade urbanística específica, deixando constancia de que no termo municipal de Agolada non existen áreas clasificadas como solo industrial pesado aptas para este tipo de instalacións.

4. Dar traslado deste acordo á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e ao Servizo Provincial de Urbanismo, así como poñelo en coñecemento da veciñanza.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page