O BNG de Agolada reclama medidas urxentes para a limpeza e protección do monte Coteimil
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
O Grupo Municipal do BNG de Agolada, a través da súa concelleira Susana Tato Pampín, vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno co obxectivo de actuar de maneira urxente ante a grave situación de deterioro ambiental que sofre o monte Coteimil. Dende a formación sinalan que unha vez coñecida a realidade e visualizado o alcance do problema, agora o importante é definir actuacións concretas e actuar dende as institucións para dar solución a esta situación.

O BNG alerta de que estes vertidos están a producirse malia a existencia de sinalización municipal que prohibe expresamente estas prácticas, o que evidencia, ao seu xuízo, a falta de eficacia das medidas actuais de prevención e control.
Publicidade
Ademais, lembran que a escasos 300 metros, no polígono industrial de Merlín, existe un punto habilitado para a recollida deste tipo de residuos, polo que consideran que a problemática responde fundamentalmente a condutas incívicas que deben ser corrixidas con maior control e concienciación.
A formación subliña que o abandono de residuos en espazos naturais ten consecuencias graves, tanto ambientais como sociais: contaminación do solo e da auga, danos á fauna e á flora, deterioro da imaxe do municipio e riscos para a saúde pública. Así mesmo, advirten do incremento do perigo de incendios forestais pola acumulación de materiais inflamables, especialmente en épocas de altas temperaturas.
Publicidade
O BNG lembra tamén que estas prácticas contraveñen a lexislación vixente, como a Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular e a Lei 10/2008 de residuos de Galicia, que prohiben expresamente os vertidos incontrolados e establecen a responsabilidade tanto das administracións como da cidadanía na xestión dos residuos.
Propostas do BNG
A través desta moción, o Grupo Municipal do BNG propón unha batería de medidas para reverter a situación e garantir a protección do monte Coitemil:
A limpeza inmediata e integral da zona, coa retirada de todos os residuos e a restauración do contorno.
O reforzo da vixilancia mediante maior presenza de persoal municipal.
A mellora da sinalización, incorporando información sobre as sancións.
A posta en marcha de campañas de concienciación cidadá.
A promoción do uso do punto de recollida de residuos do polígono de Merlín.
A solicitude de colaboración á Xunta de Galicia para financiar actuacións de
limpeza e control.
O seguimento periódico da situación con información ao Pleno.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Desde o BNG consideran imprescindible unha actuación “urxente, coordinada e eficaz” para recuperar este espazo natural e evitar que se consolide como un punto de vertido ilegal. “A defensa do noso patrimonio natural é unha responsabilidade colectiva e das administracións públicas. Non podemos permitir que espazos como o monte Coteimil continúen degradándose”, sinala Susana Tato.








Comentarios