O BNG de Agolada propón levar a formación e prevención de incendios ás parroquias
- ecosdacomarca

- hace 14 minutos
- 2 min de lectura
Susana Tato: "Non podemos resignarnos a vivir todos os veráns con medo"
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada levará ao próximo pleno municipal unha moción para poñer en marcha un Programa Municipal de Formación e Prevención de Incendios por Parroquias, co obxectivo de achegar á veciñanza coñecementos prácticos sobre prevención, autoprotección e actuación ante unha emerxencia.
PUBLICIDADE
A concelleira do BNG Susana Tato Pampín sinala que as características de Agolada, cun territorio extenso, numerosos núcleos de poboación dispersos, unha importante superficie forestal e moitas vivendas e explotacións próximas ao monte, fan especialmente necesario avanzar na prevención. Unha realidade á que se suma o aumento do risco provocado polo cambio climático, os períodos de seca e os episodios de temperaturas extremas.
O BNG lembra o incendio iniciado na parroquia do Sexo en agosto de 2025, que obrigou a activar a Situación 2 pola proximidade do lume ás vivendas e acabou afectando máis de 500 hectáreas. "O que vivimos o pasado verán debe servirnos para aprender e estar mellor
preparados. Non podemos resignarnos a vivir todos os veráns con medo nin esperar a que chegue o seguinte incendio para actuar", afirma Tato.

A proposta do BNG pasa por levar esta formación directamente ás parroquias, coa colaboración de organismos e profesionais competentes en prevención, emerxencias e extinción. As xornadas abordarían cuestións como as medidas de autoprotección, como actuar ante un incendio, a prevención arredor das vivendas e as obrigas relacionadas coa xestión da biomasa.
A iniciativa pretende tamén aproveitar o coñecemento da propia veciñanza sobre o territorio, recollendo información sobre puntos de auga, accesos, zonas de especial risco ou outras circunstancias de cada parroquia que poidan resultar útiles para mellorar a prevención e a resposta ante unha emerxencia.
PUBLICIDADE
Tato subliña que "non se trata de que os veciños e veciñas substitúan os profesionais da extinción nin de que se expoñan ao lume, senón de ofrecerlles información para saber como protexerse, actuar con seguridade e facilitar o traballo dos servizos de emerxencias".
PUBLICIDADE
O programa desenvolveríase progresivamente polas diferentes parroquias de Agolada, dando prioridade ás zonas con maior risco de incendio, maior superficie forestal ou maior dispersión das vivendas. "A prevención non pode comezar cando aparecen as lapas. Temos que anticiparnos, previr e estar preparados", conclúe Tato.









Comentarios