O BNG de Agolada propón conservar a antiga imprenta Novagráfica nos Pendellos
O Bloque tamén pide levar a cabo unha homenaxe a Carlos da Imprenta, quen faleceu hai uns meses
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada, a través da súa portavoz Susana Tato Pampín, levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para promover a conservación da antiga imprenta Novagráfica e a creación dun espazo de memoria nos Pendellos de Agolada.
A iniciativa nace coa vontade de evitar que se perda un legado que forma parte da historia recente do noso concello. Durante décadas, a imprenta Novagráfica acompañou a vida de varias xeracións de agoladeses. Delas saíron os carteis das festas, os programas das celebracións, as invitacións das vodas, os recordatorios das primeiras comuñóns, as tarxetas dos comercios e moitos dos impresos que pasaron polas mans das familias do municipio.

“Probablemente moitos veciños e veciñas conservan aínda nas súas casas algún recordo saído daquela imprenta. Por iso non estamos falando simplemente dunhas máquinas antigas, senón dunha parte da memoria colectiva de Agolada”, sinala Susana Tato.
A moción destaca tamén o valor histórico do material que a familia está disposta a poñer a disposición do Concello. Entre os elementos conservados figuran antigas minervas de impresión, guillotinas e diversa maquinaria vinculada ás artes gráficas tradicionais, un patrimonio cada vez máis difícil de atopar e que permite comprender como funcionaba un oficio esencial antes da chegada da era dixital.
PUBLICIDADE
Para o BNG, os Pendellos constitúen o lugar máis axeitado para albergar esta colección, tanto polo seu valor patrimonial como pola súa condición de símbolo da identidade local. “A antiga imprenta pode axudarnos a contar unha parte da nosa historia. A historia de como se comunicaban as persoas, de como traballaban moitos profesionais e de como era a vida antes da revolución tecnolóxica que vivimos hoxe”, explica a portavoz nacionalista.
A proposta inclúe tamén dedicar este espazo á memoria de Carlos Vilar, coñecido e querido por todos como Carlos da Imprenta. Profesor, empresario e concelleiro, foi unha persoa fondamente comprometida coa súa terra e moi presente na vida social de Agolada.
“Queremos lembrar a Carlos non só polo que fixo, senón por quen foi. Daquelas persoas que parecen estar sempre aí. Presentes na memoria dun pobo non polo ruído que fan, senón pola bondade, a serenidade e o afecto que van sementando ao longo da vida”, destaca Susana Tato.
PUBLICIDADE
Desde o BNG consideran que esta iniciativa pode ser tamén unha oportunidade para seguir enriquecendo os usos culturais dos Pendellos e para continuar recuperando a memoria dos oficios, das persoas e das historias que forman parte da identidade de Agolada. Como recolle a propia moción, “a antiga imprenta Novagráfica pode ser un novo
paso nese camiño: o primeiro dunha colección de historias, oficios e lembranzas que merecen ser conservadas”.









Comentarios