O BNG de Agolada presenta unha moción integral para atraer e fixar poboación moza no concello
- ecosdacomarca

- hace 9 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada vén de presentar no Concello unha moción "ambiciosa e necesaria para facer fronte ao maior desafío demográfico do municipio: o despoboamento progresivo e a falta de oportunidades para a xente nova". A portavoz municipal, Susana Tato Pampín, lembrou que “Agolada non pode seguir perdendo mozos e mozas cada ano. Ou poñemos en marcha políticas reais e valentes, ou estaremos hipotecando o futuro do noso concello”.

Segundo datos oficiais, Agolada conta cunha poboación envellecida e en continua caída, o que compromete servizos públicos, actividade económica e vida comunitaria. Para revertelo, o BNG propón un paquete de medidas estruturais que combinan vivenda, emprego, conectividade, cultura e colaboración institucional.
Principais medidas recollidas na moción
1. Plan Municipal de Mocidade
A creación dun grupo de traballo municipal para deseñar un plan estratéxico nunç prazo máximo de seis meses.
2. Programa de vivenda para xente nova
Inventario de vivendas municipais e privadas en desuso (incluíndo antigas vivendas de mestres) para destinalas a vivenda xuvenil ou coliving, con incentivos fiscais e bonificacións.
3. Apoio ao emprendemento e ao teletraballo
Liña municipal de axudas a novos emprendedores e creación dun espazo de coworking rural con conexión dixital de calidade.
Publicidade
4. Colaboración coa Xunta e a Deputación
Solicitar a inclusión de Agolada en programas como Fixar, Aldeas Modelo ou proxectos xuvenís da Deputación, buscando financiamento e apoio técnico.
5. Dinamización cultural e deportiva
Programación estable para a mocidade: concertos, obradoiros, deporte base, tecnoloxía, voluntariado ou pequenos festivais.
6. Mellora da conectividade e servizos básicos
Garantir cobertura dixital e móbil en todas as parroquias e mellorar servizos imprescindibles como transporte, escola infantil, SAF ou oferta deportiva.
7. Campaña de promoción de Agolada
Posicionar o concello como un lugar atractivo para vivir, traballar e emprender.
Publicidade
A concelleira nacionalista, Susana Tato, subliñou que “o rural galego só terá futuro se os concellos como Agolada apostan seriamente por crear oportunidades reais. Non abonda con anunciar proxectos: hai que poñelos en marcha, coordinar institucións e escoitar á mocidade”. Engadiu ademais que “non imos renunciar a que Agolada sexa un concello vivo, dinámico e con futuro. Esta moción é un primeiro paso, pero é imprescindible comezar xa”.
Unha aposta polo futuro de Agolada
Co conxunto das propostas, o BNG procura que Agolada deixe de estar á marxe das políticas de revitalización rural que xa funcionan noutros concellos e que demostran que vivir no rural é posible cando existen servizos, oportunidades e apoio institucional.








Comentarios