O BNG de Agolada pide ao goberno local que solicite o programa “Xuventude a Máis” da Deputación
- ecosdacomarca

- 13 ene
- 2 min de lectura
Considera que esta iniciativa pode ser a oportunidade inmediata para poñer en marcha a moción que presentou o Bloque neste concello para atraer e fixar mocidade
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada lembra a moción que xa presentaron hai semanas para atraer e fixar mocidade e sinala ao programa “Xuventude a Máis” da Deputación de Pontevedra como oportunidade inmediata para poñela en marcha. Por iso, demanda ao goberno local que solicite esta iniciativa.

O BNG de Agolada lembra que ten rexistrada unha moción para a captación, atracción e fixación de xente moza no concello, que aínda non foi debatida en pleno, e que aposta de maneira clara pola formación como unha das ferramentas clave para garantir futuro á mocidade no rural. A moción presentada polo BNG parte dun diagnóstico evidente: a perda continuada de poboación moza en Agolada non se combate só con boas intencións, senón con políticas públicas activas que xeren oportunidades reais, fomenten a participación e permitan que a xente nova poida formarse, quedar ou volver ao concello con expectativas de futuro.
Neste sentido, a moción recolle, entre outras cuestións:
A necesidade dunha estratexia municipal activa en materia de xuventude, máis alá de accións illadas.
A aposta pola formación accesible e útil, vinculada á realidade social, cultural e
económica do rural.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O aproveitamento de programas doutras administracións, que non supoñan un
custo engadido para o concello.
A implicación da mocidade como parte activa da vida comunitaria de Agolada.
Precisamente, recalca que nesta liña encaixa o programa “Xuventude a máis”, impulsado pola Deputación de Pontevedra, dirixido a concellos de menos de 20.000 habitantes como Agolada. O programa ofrece obradoiros de formación non regrada para mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, con contidos vinculados ao benestar persoal, a saúde mental, a creatividade, a cultura, as competencias dixitais e o coidado da contorna.
Publicidade
Trátase dunha formación presencial, no propio concello, con contidos atractivos para a mocidade, cun custo simbólico para as persoas participantes e sen carga económica para o Concello, máis alá da organización e da vontade política solicitala.
A portavoz do Bng Agolada, Susana Tato Pampín, sinala que "esta convocatoria encaixa perfectamente co espírito da moción que presentamos. Falamos moito de atraer xente moza, pero agora hai unha oportunidade concreta para empezar a facelo realidade, apostando pola formación e polo futuro da mocidade no noso concello”.
Publicidade
Desde o BNG de Agolada agárdase que o goberno local solicite esta axuda dentro de prazo, como un primeiro paso práctico para avanzar no camiño marcado pola moción presentada e reforzar a súa posición de cara á súa aprobación en pleno. “O rural ten futuro se hai vontade política. Esta axuda é unha oportunidade clara para demostrar con feitos o que se di con palabras”, conclúe Susana Tato Pampín.








Comentarios