O BNG de Agolada insiste na condena por prevaricación do alcalde e nas consecuencias legais para o cargo
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
O grupo municipal do BNG Agolada quere trasladar á veciñanza de Agolada a súa
posición ante a recente sentenza ditada pola Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se condena ao actual alcalde, D. Luis Calvo Miguelez, como autor dun delito de prevaricación administrativa, con pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por tempo de 9 anos. "O delito de prevaricación administrativa non é un mero erro nin unha irregularidade
formal: é a conducta da autoridade que dita a sabendas unha resolución inxusta, utilizando o poder público contra a Lei e contra o interese xeral", sinala o Bloque.

Por iso o Bloque sinala que queren ser moi claros: "Estamos ante o maior desprezo que se pode facer á Lei por parte de quen ten a dobre obriga de cumprila: como cidadán e como representante público dos veciños e veciñas de Agolada. A situación dende o punto de vista xurídico. Non se trata só dunha valoración política, senón dunha consecuencia legal moi concreta: O artigo 6.2.b) da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral (LOREG)
establece que son inelexibles “os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos (…) contra a Administración Pública, cando a mesma estableza a pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público”.
O delito de prevaricación administrativa, explican os nacionalsitas, "está incluído no Título XIX, “Dos delitos contra a Administración Pública”, polo que encaixa exactamente neste suposto. O artigo 6.4 da LOREG engade que “as causas de inelexibilidade o son tamén de
incompatibilidade”. Isto significa que, desde o momento en que se dita a sentenza condenatoria, aínda que non sexa firme, quen foi condenado por un delito de prevaricación con pena de inhabilitación: Pasa a ser inelexible, e esa inelexibilidade convértese nunha incompatibilidade sobrevida co cargo que actualmente ostenta".
Publicidade
"No caso que nos afecta, isto tradúcese en algo moi sinxelo: D. Luis Calvo Miguelez non pode seguir sendo concelleiro nin, en consecuencia, alcalde de Agolada, porque a Lei electoral vixente así o ordena".
A responsabilidade política e institucional
E insiste en que a responsabilidade "aquí non é unicamente penal, senón tamén ética, política e institucional. Quen ocupa a Alcaldía é quen debe garantir o cumprimento da Lei e o respecto á legalidade administrativa. Se precisamente esa persoa é condenada por ditar resolucións inxustas, a confianza da cidadanía nas institucións vese gravemente danada. A recente doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional confirma que
estas causas de inelexibilidade e incompatibilidade operan dende a sentenza, sen necesidade de esperar á súa firmeza, e que os órganos institucionais –como é o Pleno do Concello– deben aplicar automaticamente a Lei, limitándose a constatar a existencia da sentenza e a natureza do delito e da pena".
Por tanto, recalca, "manter a D. Luis Calvo á fronte da Alcaldía non é só unha decisión política discutíbel, senón unha situación xuridicamente insostible e contraria á LOREG".
O que o BNG vai facer: pasos concretos.
"Desde o grupo municipal do Bng de Agolada anunciamos publicamente que: Con data 17/11/2025 presentamos escrito dirixido o secretario do Pleno do Concello de Agolada, solicitando formalmente: Que se incorpore ao expediente municipal copia auténtica da sentenza condenatoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Que a Secretaría emita informe xurídico sobre a incursión do alcalde en causa de inelexibilidade e incompatibilidade sobrevida ao abeiro dos artigos 6.2.b) e 6.4 da LOREG.
Publicidade
"Que se proceda á convocatoria dun Pleno (ordinario ou extraordinario, segundo proceda) no que se inclúa na orde do día a toma de coñecemento da sentenza e a declaración de perda da condición de concelleiro e de alcalde de D.Luis Calvo Miguelez, coa correspondente comunicación á Xunta Electoral. Defenderemos no Pleno que se cumpra estritamente a legalidade, sen atallos nin dilacións, porque ningún interese partidario nin persoal pode situarse por riba da Lei e da dignidade das institucións. Actuaremos con total transparencia, informando á veciñanza de todos os pasos que se vaian dando, porque entendemos que Agolada merece un goberno que respecte a Lei e que exerza o poder con limpeza, imparcialidade e respecto polos dereitos de todos os veciños e veciñas".
Chamamento á responsabilidade
E salienta que "o noso obxectivo non é a confrontación polo gusto de confrontar, senón defender a legalidade e a dignidade do Concello de Agolada. A prevaricación é unha das
formas máis graves de traizoar esa confianza: é utilizar a institución para fines persoais ou arbitrarios, e non para servir ao interese xeral. Por iso, reiteramos:
Que a condena por prevaricación administrativa con pena de inhabilitación é
incompatible coa permanencia na Alcaldía, aínda que a sentenza non sexa firme.
Que instamos ao alcalde a asumir as súas responsabilidades políticas e
institucionais, presentando a súa dimisión inmediata.
E que, en paralelo, impulsaremos todos os mecanismos legais ao noso alcance
para que o Pleno recoñeza a situación e para que se repoña canto antes a normalidade institucional".








Comentarios