O BNG de Agolada esixe o arranxo da totalidade da N-640 ao seu paso por este termo municipal
- ecosdacomarca
- 4 may
- 2 Min. de lectura
"Denunciamos o traballo que se fixo que é moi deficiente e por enriba sen rematar", recalca
Ecos da Comarca/Agolada
"Hai pouco máis dunha semana vimos como o señor alcalde presumía das obras da N 640 ao seu paso pola vila de Agolada nas redes sociais. Non tardou en chegar a resposta do PP adxudicándose o mérito das obras. Dende o BNG de Agolada preferimos manter silencio, aínda que podemos dicir que somos a única organización política que pode presumir de ter o traballo feito, xa que o acordo de investidura de Pedro Sánchez, asinado
en 2024 incluíu o arranxo da N 640. Máis vendo a que se reduciu este arranxo temos que denunciar un traballo moi deficiente e por enriba sen rematar", sinala o Bloque.
Apunta que dende Vilariño ata a entrada da vila de Agolada," podemos denominar N640 como a estrada “rompe rodas”, “rompe amortecedores ” ou “rompe lunas”; sen esquecer o perigo que supoñen as balsas de auga que se forman cando chove e que viran o coche sen que te deas conta. Xa non houbo nin un accidente nin dous... senón un motón...".

E indica que entrando xa na vila de Agolada, "os veciños entre a gasolineira ata o antigo escaparate de Mobles Miguélez, non debe pagar impostos coma o resto, por iso lles deixan a estrada no mesmo estado no que se atopaba. O mesmo lle debe pasar aos veciños que están máis arriba do cruce de Ventosa e Couso, na saída cara a Lugo. Respecto á parte que arranxaron, tiveron a gran idea de non pintala aínda, ben se nota que no fan vida en Agolada. Se cruzar a N 640 na vila, xa era complicado estando pintada, agora, sen pasos de peóns, xa se converte nun deporte de altísimo risco. Non deben estar ben visibles os sinais que limitan a velocidade dos coches a 50 km/h", critica o BNG.
Publicidade
"Só esperamos que dende o goberno local estean a exixir que se pinte a vía antes de que ocorra unha desgraza. Por iso, dende o BNG de Agolada esiximos o arranxo da totalidade desta estrada ao seu paso polo noso termo municipal ou cando menos, ao seu paso pola vila. Que de xeito inmediato se pinten os pasos de peóns para evitar accidentes que despois lamentaremos todos. Demandaremos, unha vez máis, todas as medidas posibles para reducir a velocidade á que pasan moitos condutores ben sexa con lombos, con semáforos, con rotondas..., co obxectivo de evitar unha desgraza que máis pronto que tarde, pode suceder porque a recta e moi “golosa” para os que lle pesa o pé".
Publicidade
E por último, o BNG recalca que "tal e como temos as estradas do noso concello, dá igual as de competencia local, as de competencia do Estado, pasando polas autonómicas o que deberíamos facer toda a veciñanza e pasarlle as facturas do taller ás distintas administracións competentes, porque xa estamos cansos de gastar cartos nos talleres polo mal estado dos viais".
Comments