O BNG de Agolada esixe ao edil Pedro García "que desbloquee xa as obras do centro de saúde"
Susana Tato: "Non queremos chegar a novembro preguntándonos se Agolada queda sen ambulatorio por non ter feito a tempo o que había que facer"
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada esixe ao concelleiro de Infraestruturas e segundo tenente de alcalde, Pedro García Casares, que actúe de inmediato ante unhas obras do centro de saúde que levan meses paradas cando o prazo previsto para o seu remate conclúe o 31 de outubro.
"Pedro García ten as competencias de Infraestruturas e unha dedicación retribuída polo Concello. Iso significa asumir responsabilidades. Queremos saber cando se retoman as obras e que se está facendo para garantir que estean rematadas o 31 de outubro", afirma a portavoz municipal do BNG, Susana Tato.

Tato advirte de que a situación require actuar xa: "Non queremos explicacións en novembro. Queremos solucións agora. Se se pon en risco esta subvención, coa situación económica actual o Concello dificilmente poderá asumir con fondos propios o que queda por facer. E entón o que estaremos poñendo en risco non será só unha subvención: será o futuro do centro de saúde en Agolada".
PUBLICIDADE
A portavoz lembra que non sería a primeira vez que o Concello perde financiamento para obras por problemas na súa xestión: "Non imos permitir que volva suceder, e moito menos co centro de saúde».
Tato tamén lanza unha mensaxe directa sobre o papel do exalcalde Luis Calvo, inhabilitado para exercer cargo público tras a súa condena por prevaricación: "É hora de que Luis Calvo asuma que está inhabilitado para exercer un cargo público. E tamén deben asumilo os que o rodean. Se nas súas visitas ás obras municipais constatamos que dá instrucións, toma decisións ou exerce funcións que corresponden aos responsables municipais, imos actuar e esixir responsabilidades. Unha inhabilitación non é algo que se poida ignorar cando convén. Non imos permitir que se poña en risco nin o Concello nin os intereses de Agolada".
PUBLICIDADE
Tato deixa claro que a responsabilidade política actual da área de Infraestruturas corresponde a Pedro García: "Pedro ten competencias, ten unha dedicación retribuída e ten que exercer o seu cargo con responsabilidade propia. Imos fiscalizar o que fai e tamén o que deixa de facer. E se alguén que xa non forma parte da Corporación intervén onde non lle corresponde, tamén o denunciaremos".
E conclúe: "O centro desSaúde non é de Pedro, nin de Luis, nin de Óscar, nin do BNG. É de Agolada. As persoas pasan e os cargos cambian; Agolada queda. E para nós, Agolada vai primeiro”.









Comentarios