top of page

O BNG de Agolada denuncia a grave situación do ambulatorio: sen médicos e con graves deficiencias

Ecos da Comarca/Agolada

O BNG de Agolada denuncia a grave situación que está atravesando o centro de saúde da localidade, onde á falta de médicos desde hai varios días, que se prolongará ata o vindeiro luns, se suman importantes deficiencias nas instalacións que continúan sen estar resoltas. Nestes momentos, o centro conta unicamente con servizo de enfermería.

O centro de saúde de Agolada actualmente está nas instalacións do ximnasio. Autor: Ecos da comarca.
O centro de saúde de Agolada actualmente está nas instalacións do ximnasio. Autor: Ecos da comarca.

A formación nacionalista considera inaceptable que o Sergas non teña garantida a cobertura médica necesaria e reclama á Xunta de Galicia que adopte as medidas precisas para evitar que Agolada permaneza durante varios días sen médicos. “Non é aceptable que Agolada leve varios días sen ningún médico e que esta situación se prolongue ata o luns. Correspóndelle ao Sergas organizar os recursos necesarios para garantir a atención sanitaria á veciñanza”, sinala a portavoz do BNG de Agolada, Susana Tato.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O BNG advirte de que a situación é especialmente preocupante nestas datas, cando Agolada incrementa notablemente a súa poboación polas vacacións, as festas e os eventos celebrados nos últimos días.


Segundo puido saber este medio, a falta de médicos débese a que un dos profesionais está de vacacións e o outro, enfermo.


A esta falta de cobertura médica súmase a situación das propias instalacións, tal e como lamenta o Bloque. "O Centro de Saúde, de titularidade municipal, leva máis de catro meses en obras, obrigando os profesionais a prestar atención provisionalmente nun ximnasio. Especialmente graves son as consecuencias das últimas incidencias na subministración eléctrica. Os problemas afectaron ás neveiras destinadas á conservación de medicamentos e vacinas, provocando que medicamentos que perderon as condicións adecuadas de conservación tivesen que ser retirados".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

E, varios días despois, apunta, "o problema segue sen estar solucionado. As neveiras continúan sen funcionar correctamente, polo que o centro segue sen poder garantir a conservación en frío de vacinas e determinados medicamentos. As incidencias afectaron tamén a outros equipamentos eléctricos, imprescindibles para o normal funcionamento do centro de saúde, e para o control de saúde da veciñanza".


“Non estamos falando dunha incidencia menor. Xa houbo medicamentos que se botaron a perder e tiveron que ser retirados e, días despois, seguimos sen unha solución. Estamos falando dun centro sanitario e dunha situación que require unha resposta inmediata”, denuncia Tato.


Por todo isto, o BNG esixe que cada Administración asuma as responsabilidades que lle corresponden.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“Ao Goberno municipal esixímoslle que solucione de inmediato os problemas das instalacións, que dea explicacións sobre unhas obras que levan máis de catro meses e que se coordine co Sergas. E á Xunta e ao Sergas esixímoslles que garantan a cobertura médica. Non queremos un intercambio de culpas: queremos solucións”, afirma a portavoz nacionalista.


O BNG de Agolada reclama unha actuación inmediata porque a veciñanza ten dereito a un Centro de Saúde en condicións e a unha atención sanitaria digna. “Agolada necesita instalacións que funcionen e necesita médicos. Cada Administración debe cumprir coa súa responsabilidade e facelo xa”, conclúe Susana Tato.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page