O BNG de Agolada demanda que os recursos do encoro de Brocos revertan nas parroquias afectadas
O Bloque considera fundamental a recuperación do entorno da área recreativa
Ecos da Comarca/Agolada
O Bloque Nacionalista Galego de Agolada presentará no próximo pleno municipal unha moción para reclamar a reinversión no territorio dos recursos vinculados ao encoro de Portodemouros e impulsar a posta en valor da área recreativa de Brocos como espazo estratéxico para o desenvolvemento deportivo, turístico, ambiental e social do concello.
Para o BNG, resulta incomprensible que unha infraestrutura que leva décadas condicionando o territorio e xerando ingresos para as administracións públicas non
teña suposto unha mellora visible para as parroquias directamente afectadas. A formación nacionalista lembra que durante anos existiu o compromiso de que parte dos recursos asociados ao encoro revertesen en lugares como Brocos ou Sesto, un compromiso que nunca chegou a materializarse nun proxecto de transformación real para a zona.

A moción pon o foco na situación da área recreativa de Brocos, un espazo cun enorme potencial que continúa infrautilizado e sen unha planificación que permita aproveitar todas as súas posibilidades. O BNG considera que a recuperación do entorno, a mellora das instalacións existentes e a creación dunha estratexia de dinamización poden converter esta zona nun punto de referencia para o turismo de natureza, o deporte e o lecer na comarca.
A iniciativa tamén destaca o labor desenvolvido durante décadas polo Clube Náutico de Agolada, que mantivo viva a actividade deportiva vinculada ao encoro e contribuíu á promoción do territorio sen contar cun apoio institucional acorde á importancia do seu traballo. Por este motivo, a moción reclama medidas específicas para fortalecer a entidade e impulsar os deportes náuticos como ferramenta de dinamización social e económica.
PUBLICIDADE
Entre as propostas incluídas destacan a elaboración dun plan de posta en valor da área recreativa de Brocos, o estudo da recuperación para uso público das instalacións existentes, incluído o actual chiringuito, a procura de colaboración con empresas especializadas en lecer acuático, o reforzo dos controis sobre a calidade das augas e a apertura de negociacións coa Xunta de Galicia e coa empresa concesionaria Naturgy para desenvolver actuacións de restauración ambiental e mellora do entorno. O BNG considera que Brocos non pode seguir sendo unha oportunidade perdida.
“Falamos dun dos espazos con máis potencial de Agolada, cun encoro, unha área recreativa, unha entidade deportiva consolidada e unhas posibilidades evidentes para xerar actividade económica, atraer visitantes e crear oportunidades. O que falta non son recursos nin ideas, senón vontade política para apostar por este proxecto”, sinala a portavoz nacionalista, Susana Tato Pampín.
PUBLICIDADE
Para o BNG, a recuperación de Brocos debe entenderse como unha cuestión de xustiza territorial para as parroquias afectadas polo encoro, pero tamén como unha oportunidade de futuro para todo o concello.









Comentarios