O BNG de Agolada apoia o arranxo das beirarrúas da N-640 se é competencia do Concello
- ecosdacomarca

- hace 16 horas
- 2 Min. de lectura
E e pide aclarar tamén a situación da PO-840, que precisa melloras urxentes
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada coincide co Partido Popular en que as beirarrúas da estrada nacional N-640, ao seu paso pola vila, precisan un arranxo urxente. "É unha demanda xusta da veciñanza e unha necesidade evidente que non imos discutir nin atrasar. Porén, antes de investir fondos municipais ou da Deputación, é imprescindible saber de quen é a competencia. A N-640 é unha estrada de titularidade estatal, e mentres non exista unha cesión formal ao Concello, o mantemento da calzada, beirarrúas e sumidoiros segue a corresponder ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia", recalca.

Desde o BNG de Agolada consideran "que o rigor e a responsabilidade deben ir por diante, e por iso imos solicitar por escrito información oficial tanto á Demarcación de Estradas do Estado como ao Concello, para confirmar quen é o titular real desas beirarrúas e quen debe asumir o seu arranxo".
Ao mesmo tempo, lembra que a PO-840, que tamén atravesa a vila, "presenta deficiencias importantes, beirarrúas estreitas e falta de seguridade peonil, polo que tamén imos dirixirnos á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia para que explique que actuacións ten previstas neste tramo, e saber tamén quén ten a
competencia o seu paso pola vila de Agolada".
Publicidade
“Non se trata de poñer paus nas rodas. Se as beirarrúas da N-640 son competencia do Concello, o BNG apoiará sen dúbida o seu arranxo. Pero queremos facer as cousas ben: con seguridade xurídica, con responsabilidade e pedindo que cada administración asuma o que lle corresponde”, afirmou a portavoz municipal do BNG, Susana Tato Pampín.
NOTICIA RELACIONADA:
O PP de Agolada esíxelle a Calvo que presente unha mellora da Rúa Xeral ao Plan Extra da Deputación: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-agolada-es%C3%ADxelle-a-calvo-que-presente-unha-mellora-da-r%C3%BAa-xeral-ao-plan-extra-da-deputaci%C3%B3n







Comentarios