O BNG da Montaña presenta en Melide a súa campaña con motivo do Día da Patria Galega
- ecosdacomarca

- 1 jul
- 2 min de lectura
Incluirá actos políticos, culturais e de popularización da bandeira da patria
Ecos da Comarca/Melide
O BNG da Montaña vén de presentar en Melide a súa campaña con motivo do Día da Patria Galega, baixo o lema “Somos unha nación. Soberanía e dereitos nun mundo en paz”, cun chamamento á participación da veciñanza nos diferentes actos organizados ao longo das próximas semanas e, especialmente, na mobilización nacional do 25 de xullo en Compostela. Na presentación participaron a responsable comarcal do BNG, Iria Carreira, acompañada da portavoz municipal do BNG de Melide, Ana Mosteiro, así como por integrantes do Consello Comarcal do BNG da Montaña e da asemblea local de Melide.

A responsable comarcal do BNG, Iria Carreira, destacou que "este Día da Patria chega nun momento no que Galiza precisa máis ca nunca capacidade de decisión para defender os seus intereses fronte ás políticas que afondan na dependencia e no espolio dos nosos recursos". Neste sentido, lembrou que “comarcas coma a nosa coñecen ben o que supón poñer o territorio ao servizo de intereses alleos", en referencia á contestación social xerada por proxectos coma Altri ou a mina de Touro e O Pino, con afectación directa sobre estes concellos.
PUBLICIDADE
"O BNG seguirá defendendo un modelo orientado ás maiorías sociais que protexa o territorio, fortaleza os servizos públicos, impulse a nosa capacidade produtiva e garanta un futuro para vivir e traballar na Galiza", afirmou Carreira. A responsable nacionalista tamén reparou nun contexto internacional marcado pola escalada de guerra imperialista, co xenocidio na Palestina como expresión máis cruenta e deshumanizada, ao reafirmar que “a defensa que sempre fixo o BNG dos valores do internacionalismo, do antiimperialismo, da defensa da paz e do dereito de autodeterminación dos pobos, comezando polo galego; hoxe cobran máis importancia que nunca”.
A campaña arrincará o vindeiro 4 de xullo cun acto político en Melide, no que participarán a portavoz municipal do BNG, Ana Mosteiro, a integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova, Alba Regueiro, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
PUBLICIDADE
Posteriormente, o 10 de xullo, a libraría Anagrama de Arzúa acollerá a presentación do libro “O imperialismo no século XXI”, de Duarte Correa. A programación completarase con diferentes actos de popularización da bandeira galega nos concellos da comarca e coa participación nas actividades organizadas por Galiza Nova durante a Semana da Patria,
culminando coa manifestación nacional do 25 de xullo en Compostela.
"Facemos un chamamento a toda a veciñanza da comarca a participar nesta campaña e a converter este Día da Patria na demostración palpábel dun pobo que quere decidir por si mesmo e construír unha Galiza con máis futuro, máis dereitos e máis dignidade", concluíu Iria Carreira.








Comentarios