O BNG da Montaña organiza hoxe, 4 de xullo, un acto público con Néstor Rego en Melide
- ecosdacomarca

- hace 6 días
- 1 min de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O BNG anima á veciñanza a participar do acto público organizado para este sábado 4 de xullo no Cantón de San Roque en Melide no que participarán Néstor Rego, deputado nacionalista no Congreso; Ana Mosteiro, voceira da formación no concello de Melide e Alba Regueiro, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova. Será ás 12 horas no Cantón de San Roque.

PUBLICIDADE
Neste encontro daranse conta das diferentes propostas que o BNG está a formular a nivel estatal para defender os intereses de toda a sociedade galega, mais tamén dos proxectos que puideron desbloquearse grazas ao traballo decidido da formación nacionalista e que se están a materializar a diversos niveis, como pode ser a recente aprobación do proxecto da transferencia titularidade da autoestrada AP-9. Mais tamén se expoñerán as alternativas para enfrontar graves problemáticas que está a atravesar a mocidade galega, coma a crise da vivenda ou as dificultades da emancipación.
PUBLICIDADE
Este acto vén enmarcado dentro da campaña que está a desenvolver a formación nacionalista a nivel nacional co gallo do Día da Patria Galega, na que chama a toda a sociedade a mobilizarse na manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 25 de xullo baixo o lema “Somos unha nación. Soberanía e dereitos nun mundo en paz”. Este é o primeiro dos actos que o BNG da Montaña organiza dentro desta campaña, que seguirá desenvolvéndose por outros concellos da comarca nas vindeiras semanas.








Comentarios