O BNG cuestiona que o goberno de Silleda prorrogue o orzamento de 2025 para este ano
- ecosdacomarca

- hace 37 minutos
- 2 Min. de lectura
Pregúntase se renuncia a achegar acordos co resto das forzas municipais
Ecos da Comarca/Silleda
Erea Rey, voceira do BNG de Silleda, manifesta a súa sorpresa pola decisión do goberno local de prorrogar o orzamento de 2025 para o exercicio 2026, "renunciando así —segundo todo indica— a negociar un novo documento económico co resto das forzas municipais".

Rey lembra que o orzamento de 2025 foi froito dunha negociación co BNG, e que, malia que finalmente non se acadou un acordo definitivo polo incumprimento do pacto de investidura, o BNG decidiu absterse para permitir que Silleda contase cun orzamento
actualizado, "imprescindible tras tres anos funcionando cun documento obsoleto que xa
non permitía cubrir pagos de contratos recentes". “Esta prórroga evidencia unha vez máis o incumprimento do pacto de investidura por parte do goberno socialista”
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A voceira sinala que esta decisión deixa claro que o goberno local "non está disposto a impulsar acordos nin a dialogar sobre os investimentos fundamentais para este ano: A prórroga dunha vez máis dun orzamento antigo non só frea novos proxectos, senón que evidencia o incumprimento reiterado do pacto de investidura, no que o PSOE se comprometera a incluír unha partida específica para ampliar as redes de abastecemento e saneamento en máis lugares do rural”, explica Rey.
Así, desde o BNG lembran que esta partida non aparece no orzamento prorrogado, que
é o de 2025, polo que o compromiso asumido polo goberno a cambio de aceptar os
seus salarios continúa sen cumprirse.
Publicidade
O BNG cre que o goberno prefire gobernar en solitario, pese a estar en minoría, "para evitar recoñecer avances que proveñan do Bloque". Desde o Bloque consideran que esta actitude responde á vontade do executivo municipal "de evitar que a veciñanza identifique os avances nos investimentos do rural coa acción política do BNG". A modo de exemplo, subliñan que o goberno leva meses sen convidar aos concelleiros do Bloque ás presentacións públicas de obras, nin tampouco a outros actos organizados polo Concello: “Parece evidente que o goberno socialista non quere compartir espazo nin recoñecer o
traballo político doutras forzas. Esa actitude non é boa para Silleda nin para a transparencia institucional”, engade Rey.
Publicidade
O BNG tende, como sempre, a man ao diálogo e aos acordos útiles para a veciñanza. A formación nacionalista quere deixar claro que, malia este novo xesto de illamento por parte do goberno, o Bloque manterá a súa disposición habitual a traballar polo interese
xeral: “O BNG sempre tivo e seguirá tendo a man tendida para chegar a acordos que melloren a vida da cidadanía. A responsabilidade municipal debería estar por riba das estratexias partidistas”, conclúe a voceira.








Comentarios