A deputada nacionalista Ariadna Fernández denuncia que "non se fixeron diagnoses a todos os infectados pola EHE e agora considérase un dos criterios na concesión destas"
Ecos da Comarca/Xeral
A deputada nacionalista a lalinense Ariadna Fernández denuncia que "non se fixeron diagnoses a todos os infectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e agora considérase un dos criterios na concesión de axudas". Dende o BNG cualifican as axudas da EHE como insuficientes e fallas de rigor".
Sinala a través da visita da conselleira de Medio Rural a unha explotación leiteira lalinense a pasada semana, lembráronse as liñas básicas das indemnizacións destinadas a cubrir as perdas derivadas da EHE na gandería galega. Acaban de materializarse a través dunha publicación no DOGA o luns onde se especifican, asemade, os beneficiarios destas mediante unha listaxe de explotacións e as contías que lles corresponden e que recibirán tras da súa aceptación a través da cumprimentación dun documento anexo.
Dende o BNG acusan á Consellería de Medio Rural "de xestionar as indemnizacións de xeito pouco equitativo e sen ningún rigor, debido ás informacións que os propios membros do goberno galego foran facendo chegar á cidadanía cos seus propios anuncios na páxina da Xunta de Galiza. O que se dixo durante os pasados meses non se corresponde coa realidade que se acaba de dar a coñecer no DOGA, de xeito que moitos posibles beneficiarios non recibirán os pagos relativos ás perdas que sufriron, senon contías moito menores".

Ademais, o BNG indica "que ate o de agora non se dera a coñecer que o número de animais afectados sería un dos criterios utilizados para calcular os pagos, de xeito que por cada animal positivo en diagnose laboratorial ou visual por parte dos veterinarios oficiais se recibirán cen euros segundo as derradeiras novas. Esta medida, que non se fixera pública en ningún momento, esquece por completo que, no momento do pico de afectación do vacún galego pola enfermidade os servizos veterinarios estaban sobrepasados polo número de casos que aparecían por todo o país, de xeito que moitos casos non foron diagnosticados por motivos alleos aos propietarios dos animais. Os gandeiros e gandeiras non souberon en ningún momento que o NÚMERO DE POSITIVOS confirmados serían un dos criterios, manténdose tranquilos a este respecto ate o de agora, cando recibiron a nova".
Moitos gandeiros e gandeiras, apunta, recibirán contías menores, "ate unha quinta parte menos, ás que deberan percibir se a xestión fose transparente e xusta, se houbese un reforzo dos servizos veterinarios oficiais no momento no que estaban sobrepasados para que puideran garantir todas as diagnoses precisas. Tampouco recibirán axudas todas e todos os propietarios do vacún galegos, tan só os que visen afectada a súa explotación, de xeito que a vacinación correrá a cargo destes a pesares de ser nha enfermidade de declaración obrigatoria, o que fai clarifica o escaso valor que o goberno galego lle da a prevención".
Publicidade
A maiores, as nacionalistas critican que a contía por positivo "sexa de 100 euros, cando as medias de tratamento e servizos veterinarios calculadas para atender aos animais afectados chegaban aos 400 euros, achacando tales contías ao total descoñecemento do sector gandeiro galego por parte da consellería. Tampouco tiveron en conta o valor de mercado, nin no caso dos animais de aptitude cárnica coma nos de produción leiteira, e en ningún caso se falou don valor xenético dos animais no caso das indemnización por morte".
Dende o BNG critican o total descoñecemento da realidade dos gandeiros e gandeiras galegas por parte da Consellería de Medio Rural, lembrando "que as axudas se puxeron enriba da mesa por presión da organización nacionalista. Do contrario continuariamos a ter ao sector abandonado nunha fonda crise á que parecen telo relegado sen ningún tipo de pudor".
Commenti