O BNG cruceño propoñerá de novo no vindeiro pleno a cesión da carpa ás agrupacións e asociacións
- ecosdacomarca

- 23 nov 2022
- 2 min de lectura
"Xa temos presentado este Regulamento noutras ocasións, e tras ser aprobado por unanimidade, o goberno segue incumpliendo os acordos plenarios", acusa o voceiro nacionalista, Álex Fiuza
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces levará ao vindeiro pleno unha proposta para a cesión da carpa ás agrupacións e asociacións. "Xa temos presentado este Regulamento noutras ocasións, e tras ser aprobado por unanimidade, o goberno segue incumpliendo os acordos plenarios", recalca o voceiro nacionalista, Álex Fiuza.

"As infraestruturas do Concello están para dar servizo e apoio aos veciños, principalmente aos colectivos e as asociacións de veciños das parroquias. Como os recursos materiais e persoais do concello son finitos, é preciso establecer prioridades e organizar o servizo para atender os eventos de maior implicación social, como son os organizados por asociacións culturais, e de outros colectivos, e sobre todo as das asociacións veciñais das parroquias. (É necesario que desde todas as administracións se axude e facilite a organización de actividade en todas as parroquias e a todos os colectivos do noso Concello)", resalta o partido nacionalista.
E ademais, sinala que "a día de hoxe a prestación do servizo de carpa do concello está a funcionar moi mal, pola mala xestión na prestación do servizo e pola falta de transparencia nas decisións de onde se monta e a quen se lle denega. Non se coñece porque o alcalde ou tenente de alcalde conceden a instalación da carpa, que mesmo é instalada por operarios municipais, e noutros casos a solicitude doutros colectivos non é atendida, como en Camanzo, Piloño ou Cumeiro".
Servizo necesario
E insiste en que "a prestación deste servizo non é unha cuestión menor, xa que debido á nosa climatoloxía moitos eventos e celebracións dependen de contar con este servizo. O BNG cremos necesario que o goberno municipal apoie e colabore con todas as asociacións e parroquias do municipio, tanto coa montaxe da carpa, como con calquera outra cuestión, ao fin son recursos de tod@s que teñen que estar ao servizo da veciñanza, e non ao criterio arbitrario do mandatario municipal de turno, tal como parece que rexe no servizo a día de hoxe".
Polo que o BNG quere lembrarlle ao grupo do goberno "o incumprimento dun acordo plenario, por unanimidade, onde se pedía establecer un Regulamento do uso da carpa a través dunha ordenanza municipal". Este recollería os seguintes apartados:
O goberno municipal cederá a carpa do concello a calquera colectivo, asociación ou parroquia para a realización de eventos públicos que beneficien á veciñanza. A petición terá que ser feita por escrito no rexistro do Concello tendo prioridade a que rexistre en primeiro lugar.
A lista de solicitudes e xustificación do evento será pública para que poida ser consultada polos posibles solicitantes.
"O rural débese apoiar mantendo vivas todas aquellas iniciativas que propoñen quen vive nel", asegura o portavoz municipal do BNG.







Comentarios