top of page

O BNG cruceño mantivo unha asamblea en Carbia para tratar temas de actualidade

Ademais achegoulle documentación á asociación Carbia Deféndese sobre os parques eólicos e amosoulles o seu compromiso para mellorar a parroquia


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces mantivo unha asamblea na parroquia de Carbia para abordar distintos temas de actualidade. "Achegamos documentación á asociación Carbia Deféndese sobre os parques eólicos, e amosamos o noso compromiso para mellorar a parroquia", destaca o voceiro nacionalista, Álex Fiuza. En concreto, achegoulle información de relevancia sobre o Parque Eólico de Mesada, o cal acaba de saír o informe favorable de impacto medioambiental, trasladando así, o compromiso do BNG "para poñerse a carón da veciñanza e parar este expolio das eólicas avalado pola Xunta e o PP", recalca a formación nacionalista.

Ademais tratáronse temas de interese da parroquia e os distintos obxectivos que o BNG quere cumprir en Carbia, co fin de mellorar servizos e comunicacións, como é a mellora do acceso ás Escolas Vellas e a ampliación do aparcadoiro, así como a renovación do parque infantil xunto á igrexa.

Poñer en valor as fontes e lavadoiros

Outros dos asuntos que o BNG se comprometeu a mellorar foron a catalogación e posta en valor de fontes e lavadoiros ao longo do concello de Vila de Cruces. "En Carbia pódense atopar unha gran cantidade de regueiros, humidais, mananciais, fontes e lavadoiros. Na loita contra a depredación eólica, a defensa deses mananciais e humidais están sendo de grande importancia", recalca. As fontes e os lavadoiros, incide, "eran lugares de encontro social, tamén de traballo das mulleres. A súa posta en valor como ben social é un dos proxectos que o BNG quere desenrolar". Entre as súas propostas figuran reparar o tellado da fonte e lavadoiro de Pastoriza, lavadoiros de Abealla e do Pousadoiro, que trae auga do Seixo; o arranxo da fonte do Casal, da fonte da Pena, de Covas e da fonte da Ortiga. Todo iso acometendo a mellora das contornas para facilitar o seu acceso e apoiar a idea de volvelos converter en puntos de encontro confortables, limpos e atractivos, tal e como explica. "Ademais, cremos imprescindible coñecermos o estado das nosas augas, por iso vemos importante a súa análise periódica e posta pública dos resultados ante a veciñanza." Mellora nas comunicacións O paso do tempo, sinala, "fan que as pistas e estradas que comunican os distintos lugares do concello estean fortemente deterioradas. Para mellorar esas comunicacións vemos importante levar a cabo a mellora da corredoira que permite o acceso a Pastoriza, o acceso a Abollo dende as Escolas Vellas, a pista de Abealla a Covas e a pista do Casal que vai cara á Pena. Melloras levadas a cabo con transparencia, segundo a lei, cos informes de necesidade e os proxectos correspondentes que axuden tamén á perdurabilidade no tempo", detalla.

Así mesmo, fala da mellora da contorna das Escolas Vellas, "xa que os espazos sociais non só constan do edificio onde se desenvolven as actividades e reunións, senón que a súa contorna é fundamental para convertelos en espazos de acollemento. Desta maneira, propoñemos a mellora da contorna das Escolas Vellas para facilitar o acceso peoníl, a ampliación do acceso e aparcadoiro", conclúe.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page