O BNG cruceño apostará pola regularización da escola de música e a promoción das bandas do concello
- ecosdacomarca

- 10 may 2023
- 2 Min. de lectura
“Tanto a Banda Artística de Merza como a Banda Unión Musical de Ponteledesma constitúen un patrimonio inmaterial que debemos preservar, promover e apoiar", recalca
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces apostará pola regularización da escola de música e a promoción e potenciación das bandas de música do municipio.

“Tanto a Banda Artística de Merza como a Banda Unión Musical de Ponteledesma constitúen un patrimonio inmaterial que debemos preservar, promover e apoiar para convertelos nun activo cultural, turístico e económico de Vila de Cruces”, incide o partido nacionalista. Por iso, quere levar "por bandeira as dúas bandas do concello, as cales unen tradición e modernidade sementando cultura, gusto pola música e unha profesión para moita xuventude. Foméntase a pertenza a un grupo, a unha identidade propia e ensínase música da man de profesionais de primeira liña. A nosa esencia como pobo presérvase en boa medida nas Bandas de Música Populares por iso dende o BNG lles ofrecemos un apoio incondicional".
Así mesmo, sinala que "regularemos as condicións e contrato para obter unha Escola de Música Municipal en condicións tanto económicas como de espazos. A escola é a semente das bandas. Melloraremos a accesibilidade e iluminación no Auditorio de Ponteledesma, proporemos unha ampliación do Auditorio de Merza e solución aos aseos. En canto aos espazos da escola, en tódalas súas ubicacións, melloraremos as condicións de acústica, distribución, calefacción e humidades".
Sistema de financiamento
Así mesmo, apunta que "cambiaremos o sistema de financiamento, pasando a ser subvencións por concorrencia competitiva. Aboarase o custo necesario para sufragar os gastos do director/a e ademais cada banda podería concorrer a máis financiamento en base a proxectos que presenten. Crearemos a REDE BAM-UMPL a través da cal as comisións de festas do concello de Vila de Cruces poderán solicitar para as festas parroquiais a calquera das bandas cun 30% do custo sufragado por parte do Concello".
Un festival
Deste xeito, indica, "fomentaremos unha maior actividade de ámbolos colectivos dentro do noso concello, abrindo así canles no noso territorio e fomentando a música de banda nas celebracións das festas parroquiais. Destinaremos un mes no ano á música co FESTIVAL TRANSVERSAL-SONORO, realizando actividades de creación, concertos, conferencias e proxectos transversais con outras artes e agrupacións do concello, como poden ser a danza, o teatro, o deporte, a creación plástica ou a literatura. Crearemos un mecanismo de salvagarda das bandas impulsando traballos de investigación e creando un arquivo de historia oral, fotográfica, de son e imaxe, co fin de coidar a tradición, pasando a ser un activo de promoción cultural, turística e económica do concello".
BIC
Por último, subliña que "seguiremos a presentar no Parlamento a solicitude de que as bandas de música populares sexan consideradas BIC, Ben de Interese Cultural o que abrirá portas a novas vías de financiación e recoñecemento. Faremos fincapé na promoción e difusión das Bandas acudindo a feiras e convencións, Semana Verde, Fitur... xa que para nós, o patrimonio inmaterial é un dos piares fundamentais para atraer turismo e conservar a cultura do noso concello".







Comentarios