top of page

O BNG critica "o maltrato do goberno local á celebración do Orgullo LGTBIQ+ en Lalín"

Manuel Carbón esixe ao PP que volva a darlle o contido reivindicativo e educativo co que naceu este evento


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín cualifica como “un fracaso buscado” o resultado da celebración do Orgullo en Lalín esta pasada fin de semana. O responsable de organización dos nacionalistas lalinenses, Manuel Carbón, define coma un “maltrato sistemático o que o goberno local está a facer ano tras ano con esta celebración do Orgullo LGTBIQ+, unha iniciativa posta en marcha polo goberno cuatripartito en Lalín con ampla participación de colectivos, actividades educativas, carácter reivindicativo e unha clara aposta polo fomento da igualdade e a visibilización dos colectivos LGTBIQ+ e as súas demandas nun espazo de convivencia municipal nun concello integrador e diverso".


Logo de ver o “fracaso estrepitoso ao que o PP de Lalín está abocando a esta celebración", Carbón lamenta que un evento que “no seu momento foi exemplo a nivel de toda Galiza na reivindicación dos dereitos sociais destes colectivos” se teña convertido coa “estratexia de baleirado de contido que ano a ano lle aplica o goberno local a este evento coa clara intención de facelo desaparecer”.

Rafa Durán o sábdo na Festa do Orgullo de Lalín. Autor: Ecos da Comarca.
Rafa Durán o sábdo na Festa do Orgullo de Lalín. Autor: Ecos da Comarca.

O BNG de Lalín pedirá no vindeiro pleno municipal “explicacións deste despropósito” ao goberno local.


Ademais o responsable de organización esixe ao PP “que mude o rumbo e volva a dotar de contido” esta celebración, “demostrando que realmente teñen interese na súa continuidade se non é certo que a estratexia é deixar morrer pouco a pouco ao Orgullo de Lalín”. O BNG considera “fundamental” nun concello como Lalín a implantación de políticas transversais que eduquen en igualdade e diversidade, que na práctica redundan sempre na mellora da calidade de vida e o benestar da nosa veciñanza.


Criticou Carbón a un goberno que “practica o postureo ideolóxico” no canto de levar a cabo políticas sociais para a veciñanza. Desde o BNG de Lalín demandan ao goberno local “que deixe de diferenciar entre eventos e celebracións de primeira e de segunda categoría” e exixen ao PP “que fale cos colectivos, que volva a encher do auténtico contido reivindicativo o Orgullo de Lalín”, trátase segundo o responsable de organización de “devolverlle a este evento seu carácter exemplar, e que realmente sexa fonte de reivindicación da diversidade que existe en Lalín e que non se ve recoñecida nin representada por este goberno”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O BNG de Lalín recibiu nesta fin de semana queixas e malestar dos colectivos LGTBIQ+ da contorna, que teñen visto como o goberno do PP de Lalín convertiu desde o goberno o Orgullo de Lalín “nunha pantomima baleira de contidos, de sentido e de utilidade”. Rematan os nacionalistas criticando que a nefasta organización deste evento, "plasmouse non só no plantexamento e finalidade do mesmo, senón na nula repercusión que tivo para a economía local debido a ausencia de xente".


Lembra Manuel Carbón que co cuatripartito "enchíase a praza da igrexa de xente, o que evidentemente tiña unha repercusión directa moi positiva sobre a hostalería e comercio da nosa vila".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page