O BNG critica a negativa do PP a ter un papel activo para salvar 200 empregos de Losán e Aserpal
- ecosdacomarca

- hace 12 horas
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A deputada do BNG na comarca da Montaña, Iria Carreira, logrou o acordo no Parlamento para que a Xunta de Rueda reciba os traballadores de Losán e Aserpal. Porén, o PP rexeitou o punto da iniciativa do BNG no que se lle pedía ao Goberno galego que teña un papel activo para salvar os 200 empregos que teñen en Galicia, maioritariamente en Curtis e Vilasantar, implicándose no plan de viabilidade e incorporándose ao capital da empresa, cuxos traballadores levan catro meses sen cobrar, nin salarios nin pagas extras nin a actualización salarial de 2025, todo isto cunha produción paralizada. Cabe mencionar que o pasado mes de xaneiro mandatarios de oito municipios, Boimorto, Melide, Sobrado, Curtis, Vilasantar, Mesía, Oza-Cesuras e Irixoa, esixiron un plan de rescate inmediato para Losán e Aserpal.

“A situación é de extrema gravidade”, expresou Carreira, que comezaba a súa intervención saudando unha representación dos e das traballadoras que seguiron o debate da Comisión de Industria desde unha sala do Parlamento. Agradeceulles así mesmo “o seu compromiso e a súa loita polo seu futuro, que tamén é o futuro de toda unha comarca”, recalcou.
“O que queren é traballar e cobrar o seu salario, non mendigar”, explicou, recriminándolle ás administracións, tanto á Xunta de Rueda como ao Goberno do Estado, o seu “silencio cómplice” ante esta situación. Tamén criticou que a Consellería de Industria nin sequera respondese á solicitude do comité de empresa para manter unha xuntanza na que analizar a situación, requirimento ao finalmente que si se comprometeu onte a portavoz do PP.
Publicidade
Na iniciativa, o BNG reclamaba que a Xunta se reúna cos comités de empresa de Aserpal e Losán, que traballe no deseño dun plan de viabilidade para o grupo coa incorporación da propia Xunta ao capital da empresa, cuestión que foi rexeitada, e que lle demande ao Goberno do Estado a súa participación nese plan de viabilidade, punto que recibiu o voto favorable de todos os grupos políticos. “Cremos que a SEPI ten moito que ver pero non imos deixar de lado a Xunta de Galiza.”
Publicidade
Durante a súa exposición, Iria Carreira acusou a ambas administracións de “tirar a pelota a ver se cae en Santiago ou en Madrid mentres as familias seguen sen recibir un só ingreso desde novembro”. Indicou que é “triste e dramático” que o Partido Popular e o Partido Socialista estean pelexando por ver quen é “o máis malo da película”. “Baixen comigo e díganlles aos traballadores que a Xunta non ten nada que ver aquí”.
A deputada da comarca da Montaña recordou que en Curtis viven 4.242 persoas e en Vilasantar, 1.233, polo que o peche de Aserpal, factoría situada en Vilasantar, convetiría o propio concello no maior empregador do municipio.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Lembrou así mesmo que a empresa, que chegou a ser a segunda madeireira de Galiza por facturación e foi declarada proxecto estratéxico pola SEPI, recibiu 35 millóns de euros do goberno central, ademais de 2 millóns do IGAPE e 5 millóns de XES Galiza por parte da Xunta, e conta con 19 millóns en avais do ICO. Pese a todo iso, a empresa non conseguiu reconducir a reestruturación dunha débeda de 200 millóns, o que pon en risco directo a viabilidade do grupo e os postos de traballo.
NOTICIA RELACIONADA:
Boimorto, Melide, Sobrado e outros 5 concellos, piden un rescate para Losán e Aserpal: https://www.ecosdacomarca.com/post/boimorto-melide-sobrado-e-outros-5-concellos-piden-un-rescate-para-los%C3%A1n-e-aserpal








Comentarios