top of page

O BNG critica "a falta de compromiso" da Xunta coas parcelarias de Agolada

"A pesar do cambio da titular de Medio Rural, demóstrase que as políticas de paralización dos procesos iniciados hai mais de 20 anos van ser as mesmas", sinala


Ecos da Comarca/Agolada

O BNG sinala que na resposta por escrito ás preguntas formuladas polo Grupo Parlamentar do BNG, a iniciativa da deputada Ariadna Fernández González e Secundino Fernández sobre “os orzamentos dedicados, o alcance e os prazos previstos nos procesos de concentración parcelaria de Agolada”, "demóstrase unha vez máis o nulo compromiso da Xunta de Galiza con estes procesos pendentes polos que a veciñanza destas parroquias leva agardando fai máis de 20 anos, con proxectos de desenvolvemento económico do territorio sen poder implementarse por falta de vontade política para levar a cabo unha axeitada ordenación das terras, todos eles moi importantes para manter a actividade rural nas súas comunidades".


Nesta resposta, sinala, "cuantifícase o total da inversión para rematar eses procesos de redimensión e reestruturación de fincas agrarias e forestais nun montante de 10 millóns de euros, dos cales o 70% procederían de fondos europeos. Unha cantidade ínfima en comparación co que a Xunta de Galiza pretende para outro tipo de iniciativas empresariais como poden ser os 250 millóns € para a celulosa de Altri, que enchería de contaminación as augas e o aire destas parroquias".

Unha vez máis diante desta explicación ofrecida pola Consellería do Medio Rural, o BNG constata "a falla de compromiso deste departamento da Xunta co desenvolvemento axeitado do rural galego". De novo os deputados do BNG constatan tamén que o departamento de María Xosé Gómez, logo de catro meses á fronte das políticas para o medio rural da Xunta da Galiza, “pensa seguir coa mesma tónica de abandono e desprezo á veciñanza do rural galego”.


De feito, recalca que ante a pregunta dos deputados do BNG interesándose polo porqué non se recibe na Consellaría á veciñanza afectada por estas parcelarias, na resposta contéstase que “a Consellaría asiste a todas aquelas reunións que lle sexan solicitadas”. "O que é unha absoluta falsidade xa que a Asociación Queremos Parcelarias de Agolada ten solicitadas reunións coas persoas responsables dese departamento en reiteradas ocasións dende novembro do ano 2020 e sen obter resposta".


Por outra parte, nesta resposta escrita, preguntado polos deputados do BNG sobre cando se estima a finalización destes procesos de concentración parcelaria, a propia Xunta recoñece que o prazo razoable dende o decreto do Consello da Xunta polo que se inicia e o acordo de concentración “non debería superar os 5 anos”. "Neste caso nin sequera hai decreto do Consello da Xunta, polo que entendemos de novo que os prazos que manexa a Xunta son infinitos, unha actitude que leva acontecendo dende fai máis de 20 anos". Para

o BNG, isto demostra "unha vez máis a falta de compromiso" do goberno do PP na Xunta de Galiza coas parcelarias de Agolada.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, o BNG sinala que a propia Xunta, nesta resposta, confirma a exclusión de dúas parroquias, Brocos e Sesto, "que cumpriron todos os requisitos legais na solicitude de iniciación coas sinaturas do 95% das persoas destas parroquias e o 100% da titularidade das explotacións agrarias (CEAs). A escusa da Xunta é que existe unha “menor actividade gandeira”. Para o BNG esta "é a incongruencia deste goberno do PP de Rueda, xa que é unha pescadiña que se morde a cola: Non hai actividade gandeira porque non hai condicións axeitadas para desenvolvela".


Reunión hoxe en Val de Sangorza

Cabe mencionar que hoxe, domingo, ás 17:00 horas haberá unha reunión sobre as parcelarias na parroquia agoladesa de Val de Sangorza, tal e como informa a Asociación Queremos Parcelarias en Agolada.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page