top of page

O BNG considera unha boa nova, "aínda que moi deficiente", o convenio da cesión da Praza de Pichel

"Cremos que esta solución non cumpre as expectativas, por tratarse dunha solución temporal", recalca o partido nacionalista silledense


Ecos da Comarca/Silleda

O BNG considera unha boa nova, "aínda que moi deficiente", o convenio asinado entre os herdeiros da Praza Pichel na Bandeira (Silleda). "Cremos que esta solución non cumpre as expectativas, por tratarse dunha solución temporal". O BNG sinala que ven demandando desde hai anos unha solución definitiva que incorpore estes terreos ao patrimonio municipal para o uso e desfrute permanente da veciñanza.


"Ante a falta de transparencia nas negociacións, vimos a enterarnos polos medios de que se trata dunha cesión por catro anos, da que os veciños só se beneficiarán tres, xa que será preciso un ano para as obras de acondicionamento. Unha cesión moi proveitosa para os herdeiros que ven como unha edificación ruinosa se converte, a conta dos cartos públicos, nun soar revalorizado logo de catro anos. Temos que recordar que o BNG de Silleda levou a pleno en 2019, por voz da súa voceira, unha moción na que se expoñía o estado ruinoso desta edificación e o risco de derrube e na que se solicitaba o inicio de

negociacións cos propietarios dos terreos da Praza Pichel e tamén cos propietarios da casa da Praza da Feira. A moción foi aprobada por unanimidade da corporación municipal, sinalando o alcalde a dificultade para chegar a acordos posto que eran varios herdeiros", lembra.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

E sinala que "en novembro do 2022, ao abeiro da apertura de expediente de ruína ao camping de Medelo, a concelleira nacionalista preguntou se tamén ía facer o propio co edificio da Praza Pichel, sendo a resposta do alcalde afirmativa. Todo isto lévanos a denunciar a nula transparencia na negociación destes acordos que involucran diñeiro público e que parece beneficiar unicamente aos propietarios do terreo. Desde o BNG de Silleda anunciamos que mantemos no noso programa electoral a adquisición para o patrimonio municipal, con carácter definitivo, da propiedade dese terreo, co fin de convertelo nun espazo polivalente que poida ser usado por diferentes colectivos e asociacións como un dinamizador económico da vila, e que serva de apoio á feira que ten lugar na Bandeira dúas veces ó mes", recalca o partido nacionalista.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page