O BNG considera que o programa PROA+ é un parche insuficiente para os problemas do CEIP de Piloño
- ecosdacomarca

- 17 oct 2024
- 2 min de lectura
Acusa á Consellería de tratar con desleixo aos centros educativos do rural
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces considera "un pequeno parche" por parte da Consellería enviar, a través do Programa PROA+ un reforzo para o CEIP Cerdeiriñas de Piloño. O portavoz municipal, Álex Fiuza, afirma que “a mobilización dos pais e nais das crianzas foi chave para que a Consellería de Educación reaccionase, pero as solucións que aportan non son suficientes e dende o Bloque non imos cesar nas nosas demandas, que son as mesmas que ten a ANPA e o propio centro”.

Segundo os nacionalistas, o reforzo a través do programa PROA+, chega "tarde, mal e arrastras, despois dun mes de mobilizacións das familias nas que a situación do CEIP e do profesorado foi de total desleixo por parte da administración". Non queren esquecer tampouco que aínda non se sabe que tipo de especialidade ten a persoa que se incorporará e lembran, asemade, que en xuño rematará coas súas funcións, deixando nunha situación comprometida novamente ás crianzas e ao propio colexio.
Publicidade
Fiúza aclara que “a Xunta de Galiza aproveita programas do Ministerio coma este que anuncia para o CEIP Cerdeiriñas, para tapar eivas por todo o país, ao igual que trata de facer en Piloño, sen investir os seus propios recursos na educación dos nenos e nenas galegos, con profesorado e familias que ven como a calidade da educación pública se ve minguada ano tras ano, especialmente nos colexios situados no rural, que a Consellería abandona progresivamente con recortes que rematarán co seu peche.”
Dende o BNG anuncian que seguirán adiante coas súas demandas no Parlamento Galego sobre o CEIP Cerdeiriñas, insistindo ata que se dote do persoal docente necesario para que a calidade da educación pública non se siga vendo resentida, menos aínda non rural, onde “cabe recordar que as crianzas teñen os mesmos dereitos que as que as nacidas en calquera vila ou cidade, polo que non imos parar ata que a Consellería dote ao CEIP de Piloño do profesorado necesario para cubrir todas as gardas, horas lectivas e atención a crianzas con necesidades especiais” como aclara a deputada Ariadna Fernández.







Comentarios