O BNG califica de "ofensiva" a visita de Ánxeles Vázquez a Dozón, "ingorando a realidade dos lumes"
- ecosdacomarca
- hace 9 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
A deputada nacionalista Ariadna Fernández critica que a consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, "non amosara preocupación algunha polos veciños e veciñas que estiveron en risco de perder as súas vivendas e o seu modo de vida, tendo que apagar o lume cos seus propios medios arredor das aldeas e das granxas" en Castro, Dozón.

A visita da Conselleira de Medio Ambiente foi considerada coma "un agravio" por parte dos nacionalistas, que non comprenden que sentido ten achegarse unha semana despois dos incendios para anunciar axudas aos tecores, en lugar de reunirse con todos os afectados polo lume que se declaraba en Dozón o pasado 12 de agosto.
“Moitos veciños e veciñas tiveron que colaborar coas cisternas e os tractores para sufocar o lume que lle chegaba ás granxas e ás casas, de non ser así o resultado sería devastador”, declara a Fernández, que se achegaba ese mesmo día a varias aldeas de Dozón para coñecer a evolución do lume e recoñecía atopar a xente desesperada pola falla de medios.
Publicidade
A formación nacionalista é crítica coa conselleira. “Non é de recibo anunciar medidas para os TECORES e a recuperación de hábitats cinexéticos dez días despois do incendio, máis aínda cando nese momento os medios terrestres non daban abasto e os aéreos se demoraron en chegar deixando os núcleos do Castro, Bidueiros ou Amear, por exemplo, nunha situación moi perigosa na que a xente se puxo en risco para apagar o lume. Hai veciñas ás que lle ardeu á beira da casa, das granxas, aos que lle queimou forraxe para os animais, contedores dentro do perímetro das granxas e a conselleira, no seu primeiro contacto coa zona queimada esquece a todos e todas as que loitaron contra o lume".
"Parécenos unha falla de respecto aos veciños e ao sector agrogandeiro coa ausencia, xa agardada, da Conselleira de Medio Rural nunha das comarcas gandeiras por excelencia do país”, recalca o Bloque.
Publicidade
Nas visitas a Dozón que se levaron a cabo estes días por parte de diferentes membros do BNG local e da propia deputada nacionalista e que continuarán ao longo desta semana, tívose contacto con varios afectados que narraron como viviran as xornadas dos incendios, co compromiso do BNG de elevar ao Parlamento Galego as diversas problemáticas derivadas dos lumes ou que influíron na súa propagación, tales como "a inexistencia de faixas de protección, as graves deficiencias na limpeza da AG-53, que non serviu de cortalumes nese incedio por mor da biomasa que medra sen control dentro do peche da autovía, ou a falla de desbroces en vías e núcleos de poboación, que pon en grave risco as vivendas".
Así mesmo solicitarán, como Fernández adianta, un estudo en profundidade das perdas asociadas ao incendio e un programa de axudas destinadas a quen as sufriu, co requerimento ao rexedor local da elaboración dun plan de prevención de incendios no concello de Dozón de xeito inmediato.
NOTICIA RELACIONADA:
A Xunta anuncia axudas en Dozón para recuperar terreos e hábitats cinexéticos e infraestruturas: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-anuncia-axudas-en-doz%C3%B3n-para-recuperar-terreos-e-h%C3%A1bitats-cinex%C3%A9ticos-e-infraestruturas