top of page

O BNG asegura que Lalín non contará cos 3 novos policías locais ata 2027

Mari Fernández: “Pediremos en pleno a comparecencia do concelleiro Pablo Areán polo desastroso proceso selectivo”


Ecos da Comarca/Lalín

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín pedirá no próximo pleno a comparecencia de Pablo Areán, concelleiro delegado de Mobilidade, Seguridade Cidadá e responsable da Policía Local, para dar explicacións sobre os feitos acontecidos durante a celebración das probas físicas do proceso selectivo para a cobertura de prazas de policías locais, que finalmente deberán repetirse por erro nos tempos máximos establecidos.


A organización nacionalista mantivo este luns, a petición dos afectados, unha reunión con varias persoas aspirantes a este proceso selectivo para coñecer de primeira man os detalles do ocorrido e o mal estar existente "pola nefasta xestión do goberno municipal".


O BNG considera que o erro na fixación dos tempos máximos sitúa todo o proceso selectivo nunha posición moi comprometida e chea de incertezas. "Nun primeiro momento, o Concello afirmou que a irregularidade non afectaba á legalidade do procedemento, mais o propio tribunal acordou posteriormente anular a proba e repetir o exercicio, ao comprobar que as bases non se axustaban á Lei de coordinación de Policías Locais de Galicia. Segundo indicaron, esta decisión adoptouse para evitar a presentación de recursos, aínda que paradoxalmente incrementa o risco de impugnacións, tanto da proba xa realizada como da nova proba que se pretende celebrar. Esta última axustaríase aos tempos esixidos pola Lei, pero reduciría considerablemente os tempos recollidos nas bases vixentes cando as persoas aspirantes presentaron a súa solicitude", explica o Bloque.

ree

Desde o BNG asegura que a presentación dalgún recurso atrasará a resolución definitiva do proceso, máis alá de decembro deste ano, impedindo que os novos policías en prácticas poidan asistir ao curso da Academia Galega de Seguridade no 2026.


A Responsable Local, Mari Fernández, lembrou que xa advertiran en numerosas ocasións que, pola tardanza na convocatoria do proceso, Lalín non contaría cos novos axentes ata xullo de 2026. Agora, tras a repetición do primeiro exercicio tipo test —por detectarse respostas marcadas—, a decisión de repetir tamén as probas físicas e a posible interposición de recursos, atrasarase a incorporación dos tres novos policías locais até o ano 2027.


O BNG de Lalín pregúntase que está a ocorrer no Servizo de Persoal do Concello de Lalín, onde se están a producir múltiples erros en procedementos selectivos que, en teoría, deberían ser sinxelos e están xa amplamente experimentados. “Non entendemos como poden darse tantos fallos nun proceso selectivo deste tipo, nin como é posible que os tribunais de xustiza estean a estimar tantos recursos en materia de persoal”, sinalan.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Mari Fernández lembrou que estes erros xeran un importante custo económico para as arcas municipais, tanto en indemnizacións a traballadores como en gastos e costas xudiciais, e reclaman ao goberno local rigurosidade, transparencia e responsabilidade na xestión dos procesos de persoal.


A Responsable local nacionalista, pide responsabilidades políticas debido a que estas prazas se corresponden ao ano 2024 e o goberno local, en todo este tempo, "non quixo ou non foi capaz de sacalas adiante, priorizando, iso si, outro tipo de oposicións que terán que explicar o motivo da súa prioridade e a deixadez e bochorno destas".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page