Un neno leva 49 días sen acudir ao seu centro educativo por falla de persoal específico
- ecosdacomarca

- 28 oct
- 2 Min. de lectura
A deputada Iria Carreira anuncia a presentación de iniciativas no Parlamento galego para atender as necesidades educativas e de apoio que existen neste centro
Ecos da Comarca/Xeral
O BNG da comarca da Montaña participou este luns na concentración que tivo lugar diante do IES de Curtis para esixir a cobertura da praza de coidador que se precisa no
centro. Na mobilización participaron os concelleiros da organización, Lucas Quintas e Verónica Fuentes, a deputada no Parlamento e responsábel comarcal, Iria Carreira, así coma outras integrantes da organización nacionalista e trasladaron o seu apoio ás demandas da ANPA do IES de Curtis.

A falta de persoal de apoio e coidador é unha constante que, segundo sinala Iria Carreira, se está a dar en centros de todo Galiza e “supón un grave menoscabo dos dereitos do alumnado máis vulnerable e que debería estar máis protexido por parte da Administración”. Neste senso, sinala que xa foron rexistradas diversas iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza proceda “á cobertura inmediata da
praza de coidador que se precisa neste centro, así como ao reforzo do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe para garantir os dereitos e a inclusión de todo o alumnado”.
Publicidade
Pola súa banda, Lucas Quintas traslada a súa preocupación pola situación que se está a vivir no centro “no que xa existen problemas graves coma a falta de prazas no transporte escolar que se repite curso tras curso e sofre maioritariamente o alumnado de Teixeiro”, sinala. “Cómpre que a Xunta de Galiza, que é a titular das competencias, solucione as eivas que se veñen denunciando de xeito reiterado e sen que iso supoña unha sobrecarga ao concello”, engadiu o portavoz municipal.
Publicidade
Desde a organización nacionalista salientan que continuarán mobilizándose e esixindo melloras para o ensino público de Curtis “pois é un dereito básico que as políticas do Partido Popular están dinamitando”, conclúe Quintas.
Pola súa banda, a ANPA do IES de Curtis, que foi quen convocou dita concentración, sinala que esta tivo como obxetivo a protesta pola falta de recursos por parte da Xunta para un nenos con necesidades específicas, concretamente dunha coidadora. "Este neno leva 49 días sen acudir o centro educativo por falla de persoal específico, concretamente unha coidadora. É indignante que pase isto cando xa se sabía a problemática a finais do curso pasado. A loita é incansable porque xa non é a primeira vez que este neno se ve afectado polo recorte os recursos que precisa na súa escolarización", lamenta.








Comentarios