O BNG anima a participar na manisfestación polo arquivo definitivo de Altri e da Mina de Touro- O Pino
- ecosdacomarca

- hace 9 horas
- 2 min de lectura
A formación nacionalista chama a asistir á Illa de Arousa o vindeiro 14 de xuño “para defender a nosa terra e o noso futuro”
Ecos da Comarca/Xeral

O BNG anima a toda a veciñanza a participar da manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en defensa da Ría da Arousa e a Plataforma Veciñal Mina de Touro – O Pino Non baixo o lema 'Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a Mina de Touro-O Pino'. Unha manifestación para demandar o arquivo definitivo destes dous proxectos e terá lugar este vindeiro 14 de xuño con saída ás 12 horas desde a praia do Vao na Illa de Arousa.
Segundo a Iria Carreira, responsábel comarcal do BNG e deputada no Parlamento “A Xunta de Galiza ten que deixar de velar polos intereses de grandes empresas e defender o futuro da xente deste País”. Segundo a nacionalista “non aceptamos a política do espolio que o Partido Popular pon en marcha, poñendo Galiza a prezo de saldo para que grandes empresas poidan lucrarse hipotecando o noso futuro”.
PUBLICIDADE
Nesta mesma liña tamén se manifestaron os alcaldes nacionalistas de Santiso e Arzúa, Manoel Adán e Xoán Xesús Carril, quen puxeron en valor “o traballo feito desde o comezo polas alcaldías do BNG para defender o futuro destes concellos”. “Non podemos obviar que estes proxectos serían nefastos para unha contorna rural e unha economía eminentemente gandeira”, sinala Adán “e sobre un encoro coma o de Portodemouros que xa sofre episodios recorrentes de seca e contaminación”.
Aos prexuízos de Altri, Carril engade tamén os que se sumarían coa reapertura da mina: “aínda hoxe podemos ver as consecuencias, con ríos contaminados e vertidos ao Ulla”.
PUBLICIDADE
Fronte a isto, Carril pon de manifesto “a forza do pobo galego que loita polo futuro do País e foi quen, tanto de parar a mina de Touro – O Pino en 2021, coma de conseguir que a Xunta arquivase provisionalmente o proxecto de Altri”. “Por iso animamos a toda a veciñanza a seguir defendendo a nosa terra e o noso futuro e asistir a esta manifestación do día 14 de xuño para conseguir o arquivo definitivo”, conclúe.








Comentarios