O BNG alerta de que o retorno das pezas de Carboeiro "podería non ser unha restitución real"
- ecosdacomarca

- hace 11 minutos
- 2 Min. de lectura
A formación nacionalista reclama transparencia total sobre o acordo coa Generalitat e co
Museo Marès ante a posibilidade de que a volta sexa só unha cesión temporal
Ecos da Comarca/Silleda
A Consellería de Cultura anunciou nas últimas semanas, e de forma discreta dada a relevancia do asunto, a chegada das pezas do tímpano do Mosteiro de Carboeiro (Silleda), espoliadas hai décadas e adquiridas polo Museo Frederic Marès "por unha contía irrisoria", tal e como indica o BNG, que indica que "a pesar das sucesivas demoras —a última atribuída ás condicións climatolóxicas— o departamento autonómico confirmou que as esculturas serán expostas en Compostela, a quilómetros do seu lugar de orixe en Silleda".

Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Explica o Bloque que o "espolio foi documentado polo historiador Francisco Prado Vilar, quen acredita a relevancia excepcional das pezas, dun obradoiro relacionado coa arte da catedral de Santiago, do tempo do Mestre Mateo. Porén, o Goberno galego non foi quen, durante anos, de activar unha negociación seria e continuada coa Generalitat, o museo e o conxunto de expertos, para garantir un retorno digno e en condicións de restitución".
Publicidade
As recentes informacións publicadas pola prensa catalá, que apuntan a que a propiedade das esculturas non está en discusión, avivaron a preocupación do BNG. A deputada nacionalista Ariadna Fernández advertiu de que “acceder a unha cesión por parte do Museo Marès sería un absoluto descrédito para o país e un precedente perigosísimo: Galiza non pode aceptar préstamos sobre o seu propio patrimonio espoliado”. Pola súa banda, a portavoz do BNG de Silleda, Erea Rey, lembrou que “as pezas de Carboeiro
pertencen a Silleda e a Galiza, e deben volver como o que son: patrimonio propio. Calquera fórmula que non sexa a restitución será unha burla para a veciñanza do noso concello e para o país”.
Publicidade
En coherencia con esta posición, o BNG anuncia que solicitará formalmente no Parlamento
Galego o acceso ao acordo subscrito pola Consellería de Cultura co Museo Marès e co Goberno catalán, co obxectivo de avaliar "se estamos realmente ante unha negociación eficaz da volta do Cristo en Maxestade e dos símbolos de Lucas e Xoán a Carboeiro, se é só unha cesión temporal ou simplemente se estamos diante dun novo paripé institucional no que Galiza perde e o seu patrimonio tamén".








Comentarios