O BNG alerta da "sangría demográfica do último ano en Lalín"
- ecosdacomarca

- hace 7 horas
- 3 Min. de lectura
Paco Vilariño esixe “políticas sociais para a xente” que muden a tendencia e eviten que o concello baixe dos 20.000 habitantes
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín vén de coñecer os últimos datos de poboación oficiais feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativos ao primeiro semestre de 2025, que reflexan unha “sangría demográfica no noso concello”, colocando a Lalín con 20.107 habitantes -a data de xullo de 2025, os últimos datos oficiais do IGE-. O voceiro municipal do BNG, Paco Vilariño, alertou dunhas cifras “arrepiantes” que falan dun descenso de poboación nun ano en Lalín -entre xullo de 2024 e xullo de 2025- de 251 habitantes menos, o que supón case o 58% do descenso poboacional rexistrado nese período en toda a comarca do Deza".

E todo isto nun, apunta o Bloque, "contexto no que, segundo os últimos datos do IGE, a poboación de Galiza medrou en case 6.000 habitantes, con aumentos poboacionais en 29 das 53 comarcas do país. Aliás, na Comarca do Deza baixou a poboación nun ano en 433 habitantes, dos que máis de 200 son habitantes menos na comarca só no primeiro semestre de 2025, dos que en Lalín foron 148 menos".
Desde o BNG de Lalín, recalcan que “levamos tempo alertando ao goberno do PP de que as cousas non van tan ben no concello como tentan vendernos”. Destaca Paco Vilariño que boa parte da culpa deste descenso poboacional que o IGE vén de confirmar en Lalín ven dado “pola ausencia total de políticas para a xente que practica o goberno municipal do PP”. Critica o voceiro municipal do BNG que “un goberno empeñado en obras faraónicas que fai tempo que deixou de lado o benestar da veciñanza como obxectivo,
provoca estas sangrías demográficas inasumibles”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

E insisten en que "máis unha vez, as cifras oficiais do IGE veñen de dar a razón ao BNG de Lalín na preocupación pola deriva que está a tomar o noso concello". “Un concello no que no último ano fecharon 38 comercios e un concello que segundo os últimos datos ten 4.000 euros menos de PIB por habitante que a media galega é un concello no que o seu
goberno non funciona”, asegura Vilariño. Critica o BNG o “desleixo” do PP de Lalín que “nin sequera son capaces de facer un seguimento dos indicadores económicos e demográficos oficiais para deseñar as políticas municipais”.
Para o BNG de Lalín a situación actual do concello é “moi alarmante e preocupante”, e froito dun goberno do PP que “pensa que con dar unhas cestas natalicias xa cumpriu coa
veciñanza”. Á vista dos datos, sinala Vilariño, “queda claro que as políticas das cestas, do cemento e das paparotas que practica o PP en Lalín rematarán por facer que o noso concello baixe da categoría dos máis de 20.000 habitantes”. O seu voceiro municipal advirte ao goberno de Crespo que “isto non é unha broma, e o PP sabe que con menos poboación Lalín recibirá menos financiamento e non poderá dar servizos á veciñanza”.
O BNG critica con dureza a "irresponsabilidade de PP á hora de non tomar medidas e pensar que con “aumentalo” no último semestre chega, é xogar á ruleta rusa", afirma
Vilariño.
Publicidade
O BNG urxe “políticas sociais para a xente”
Diante da “sangría” poboacional e os “preocupantes” datos económicos do concello, o BNG de Lalín exixe “dunha vez por todas, seriedade e responsabilidade do goberno do PP”. Critica Vilariño que “estaban advertidos de que isto podía acontecer, e non fixeron nada”, polo que o voceiro municipal do BNG fai un “chamamento á volta ao sentido común aos responsables municipais, antes de que sexa demasiado tarde”.
Publicidade
“Saian á rúa, escoiten á xente, preocúpense polas súas demandas e necesidades e séntense con todos os partidos e colectivos sociais lalinenses para poñer freo a isto”, sinala Vilariño, que advirte que no caso contrario “de seguir sendo o goberno das festas
e romarías que lle da as costas á xente, serán os responsables da maior desfeita das
últimas décadas no noso concello”.
Diante da situación “alarmante” de Lalín, o BNG “ten os deberes feitos, coñecemos os
datos, sabemos o que precisa a veciñanza e sabemos as políticas sociais que precisa o
noso concello para poñer á xente no centro”. Por iso, Paco Vilariño advirte ao goberno
do PP que “apártense se non son capaces sequera de asegurar o futuro do noso concello
e deixen traballar aos que estamos na política municipal por e para a xente”.








Comentarios