top of page

O BNG advirte que o tratado de Mercosur pon en risco o sector agrogandeiro de Deza-Tabeirós

A formación nacionalista responsabiliza ao PP e ao PSOE


Ecos da Comarca/Deza

O BNG advirte que o tratado de Mercosur pon en risco o sector agrogandeiro de Deza-Tabeirós. Os nacionalistas critican as posicións a favor destes acordos comerciais adoptadas polos dous grandes partidos estatais, que consideran especialmente lesivas para unha comarca de alta carga gandeira, onde as explotacións sosteñen o emprego, o territorio e boa parte da nosa economía. O BNG levará aos distintos concellos unha moción para rexeitar o tratado de Mercosur.


Sinalan que as recentes mobilizacións que van espertando polo país entre os agricultores e gandeiros, amosan con claridade o seu rexeitamento claro ao chamado Mercosur, que non é máis ca un tratado polo que países coma Uruguay, Brasil, Arxentina ou Paraguay poderán comercializar dentro da UE os seus produtos do agro libres de aranceis. O responsábel comarcal do BNG, Xoán Blanco, cuxa organización apoia as protestas, considera esta chegada de alimentos dende a outra punta do mundo “unha competencia desleal entre dous territorios onde os criterios, os estándares de produción e os requisitos que deben cumprir as explotacións e os produtos non son os mesmos, polo que a nosa comarca, ao igual que as ganderías de todo o país, sairía gravemente prexudicada”. 

E recalca que a afectación sería especialmente grave nun territorio como o Deza e Tabeirós–Terra de Montes, onde o sector primario é columna vertebral da economía local. "O concello de Rodeiro ten o 42% das súas persoas ocupadas traballando no sector agrogandeiro, Lalín presenta unha das maiores producións leiteiras do país con máis de 500 empresas adicadas ao sector ou Agolada e Silleda, onde as explotacións de porcino ou avicultura suman unha grande parte dos afiliados a SS do sector primario".


“Os datos avalan a importancia do sector primario dezao e Tabeirós-Terra de Montes, con máis de 350.000 cabezas de porcino, 3,5 millóns de aves e ao redor de 50.000 vacas tanto de produción leiteira coma cárnica, para nós Mercosur vai ser un punto de inflexión onde as empresas e explotacións de mediano e pequeno tamaño sufrirán danos a través dos prezos que serán irreparables e que favorecerán o abandono, xa por si acrecentado” indica o responsábel comarcal.         

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Dende o BNG recrimínanlle de xeito contundente a posición que mantiveron e manteñen tanto os socialistas coma os populares, que din “votan en favor do tratado e logo achéganse aos gandeiros nas concentracións onde se rexeita nun exercicio de cinismo e falla de compromiso real co rural que é vergoñento” sentenciou Blanco, quen non comprende por que non se tomaron posicións coma as doutros países da UE, onde a oposición foi e segue sendo clara. “Se o acordo sae adiante temos que ter claro que foi co visto bo tanto de PSOE coma de PP, que din defender ao sector agrogandeiro e despois calan, coma fixeron na nosa comarca, onde están desaparecidos, ou votan na súa contra, coma o PP da Xunta de Galiza”.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Blanco engadiu ademais a preocupación pola proposta actual de redución do 22% nos fondos da PAC, unha medida que “tería consecuencias gravísimas para o noso sector primario”. O BNG demanda tanto un incremento dos fondos como unha distribución que priorice as pequenas explotacións familiares, a permanencia no territorio, o combate ao despoboamento, a remuda xeracional e unha mellora e ampliación dos servizos públicos, así como un desenvolvemento rural produtivo e respectuoso co medio ambiente.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A maiores, o BNG demanda a vacinación gratuíta contra a Dermatose Nodular Contaxiosa, que pode supoñer unha ameaza seria para as explotacións do país; a redución da burocracia nas axudas da PAC e a promoción dunha reforma da Lei da Cadea Alimentaria que incorpore mecanismos de indexación e referencias que eviten marxes comerciais abusivas.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page