O BNG advirte da perda de afiliacións á Seguridade Social de Lalín mentres medran na media do país
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 3 Min. de lectura
Mari Fernández exixe ao goberno do PP que “deixe de mirar para outro lado e empece a facer políticas económicas para a xente”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín vén de constatar de novo cos últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) das afiliacións medias á Seguridade Social a “deriva económica perigosa na que está o noso concello”. Os últimos datos publicados o 30 de xaneiro polo IGE -referidos ao mes de decembro de 2025- sinalan que case 6 de cada 10 dos concellos de toda Galicia medraron ou mantiveron as súas afiliacións medias, e no caso do país subiron un1,3% as afiliacións. "Neste contexto positivo, de novo o concello de Lalín está entre os peores da Comarca do Deza e do resto de Galiza", recalca o Bloque.

Mentres a media galega, apunta, aumentou os seus afiliados á seguridade social, en Lalín as afiliacións medias baixaron entre novembro e decembro pasados en case un 0,5%. "En só un mes o concello de Lalín perdeu 40 afiliacións de media, o que representa máis do 50% do descenso das afiliacións á Seguridade Social en toda a Comarca do Deza12. O
BNG lalinense destaca que “preocupa especialmente nun concello no que o 60% da nosa economía pivota sobre o sector servizos” que o maior descenso de afiliacións corresponda precisamente a ese sector.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Lalín suma así un novo dato económico “nefasto” do IGE que, segundo analiza a responsable local do BNG, Mari Fernández Sanmartín, “debería ter feito saltar as alarmas en calquera goberno municipal que se considere responsable e teña un proxecto de futuro para a veciñanza”. No caso do goberno do PP de Lalín “lamentablemente asistimos a un “pasotismo irresponsable” de gobernantes con responsabilidades que “prefiren mirar cara outro lado e seguir para adiante coa súa política de pan e circo e vender fume mentres o noso concello se desangra”.
Publicidade
“Sangría tras sangría até o desastre final”
Fernández Sanmartín lembra que o BNG de Lalín leva meses “advertindo” destes datos que “son os oficiais, non os inventamos nós, son do Instituto Galego de Estatística que por certo agora depende directamente do presidente da Xunta”. Só no último mes, advirte Fernández Sanmartín, "coñecimos que Lalín é un dos tres concellos de toda Galiza onde fecharon máis comercios e que descendeu a nosa poboación até deixarnos ao borde de perder a condición de concello de máis de 20.000 habitantes”. Para Fernández Sanmartín resulta “irresponsable e incompetente” que mentres temos cifras case diarias que nos alertan que imos “de sangría en sangría” o goberno do PP de Lalín “está sentado, obviando os indicadores económicos oficiais e agardando sen máis o desastre final”.
Publicidade
Desde o BNG de Lalín aseguran que “non o imos permitir, foi o PP no concello o que nos trouxo até este desastre, pero nós imos seguir traballando para reverter a situación e exixindo responsabilidades aos que son responsables desta desfeita”. O BNG local
traballa analizando os datos nun programa económico de futuro que “mude a tendencia suicida na que nos meteu o goberno do señor Crespo”. Fernández Sanmartín asegura
que a solución para cortar esta deriva de Lalín “pasa por afrontar a situación, recoñecer
os datos e mudar o rumbo facendo desde o concello políticas económicas valentes e
pensadas para a xente e o futuro de Lalín”.








Comentarios