O BNG acusa á Xunta de "non achegar os medios suficientes" na extinción do lume de Dozón
- ecosdacomarca
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
Tras o contacto con varios veciños e veciñas os nacionalistas solicítanlle á Consellería de Medio Rural explicacións sobre o ocorrido, onde os veciños se sentiron sós
Ecos da Comarca/Dozón
Na xornada do venres, membros do BNG local e comarcal, acompañados da deputada Ariadna Fernández, visitaban novamente a zona queimada no concello de Dozón, onde se viviron horas críticas pola rápida proliferación dun incendio orixinado o pasado día 12 de agosto e que afectou a varias aldeas, ficando moi próximo a vivendas e granxas, obrigando a decretar o nivel 2 de alerta. Ao manter contacto coa veciñanza todos estaban de acordo nas súas declaracións, nas que insistían "na tardanza dos medios aéreos e na insuficiencia dos medios terrestres e humanos, deixando á poboación nunha situación de risco que tiveron que asumir para salvar as súas casas e, noutros casos as instalacións e os animais das súas explotacións gandeiras".

Fernández expón a preocupación e a impotencia que lle transmitiron varios afectados. “Todos coinciden en que estaban sós e en que de non ser por varios gandeiros que axudaron a extinguir o lume arderían bens materiais. Dende o BNG cremos que non é responsable por parte da Consellería facer un investimento en extinción que despois non se traduce en seguridade para a poboación e garantías de que os incendios non se convertirán en grandes lumes por falla de medios”.
Publicidade
Así mesmo comenta que durante a visita se viron graves eivas na limpeza das marxes e da zona que corresponde á AG53 “que as vías de servizo estean intransitables e que nas zonas que pertencen a esta estrada haxa unha gran cantidade de biomasa, o que fai é ter resultados nefastos. Cando unha autovía podería ser un cortalumes pola súa propia infraestrutura e non o é por falla absoluta de limpeza. E iso é responsabilidade do goberno da Xunta de Galiza”. Engade que “a limpeza das marxes dos camiños é moi deficiente, de maneira que cando comecen as choivas de verán haberá problemas coa escorregamento de cinsas, que virán monte abaixo, por non falar das faixas de protección, nun estado de desleixo total e que pon en situacións complicadas os núcleos, coma pasou en Amear, Bidueiros ou o propio Castro.”
Publicidade
Dende o BNG móstranse moi críticos coa xestión dos incendios por parte do goberno galego, "que orixinou unha gran perda a confianza na poboación", polo tanto solicitan que dende Medio Rural coma dende o goberno galego se recoñezan as eivas que sofre o servizo de extinción e os plans de prevención, "que lle afectan tanto aos traballadores no desenvolvemento da súa labor, crucial nestes casos, coma aos afectados, que se senten desprotexidos ante situacións de perigo que teñen que afrontar cos seus propios medios".
Comentarios